A remodelación do parque Rosalía de Castro en Vilalba será o punto principal no pleno do xoves

TerraChaXa
Tamén trataranse temas como o nomeamento da biblioteca, a repavimentación do acceso ao barrio das Fontiñas ou o prezo público do servizo do PAI
parque-vilalba-inauguracion
30 Jul 2025

Concello de Vilalba celebrará mañá xoves, 31 de xullo, o pleno ordinario da corporación municipal ás 18:00 horas no salón de actos da Casa da Cultura.

Unha sesión plenaria á que o goberno local de Vilalba leva unha decena de propostas, entre elas o proxecto de remodelación do parque Rosalía de Castro. “Este parque está en malas condicións e somos conscientes, por iso queremos aprobar este proxecto de obra e executar o antes posible estas actuacións para renovar os elementos de xogo e dar resposta ás demandas dos pais e nais que nos trasladaron a súa preocupación polo estado do parque”, asegurou a rexedora vilalbesa, Marta Rouco.

A corporación municipal tamén abordará o nomeamento da biblioteca municipal como Biblioteca Municipal Agustín Fernández Paz. “Creo que non hai nome máis acaído para a nosa biblioteca que o de Agustín e xusto neste momento no que estamos executando as obras para a creación da aula Agustín Fernández Paz no segundo andar da biblioteca na que colocaremos o legado que deixou ao pobo de Vilalba”, salientou a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco.

“É algo merecido, que debería saír adiante e espero que na sesión plenaria de mañá se faga posible; xa o levamos á Comisión de Honras e Distincións en resposta á petición feita polo IESCHA e tanto o BNG, como Vilalba Aberta e o Partido Socialista manifestamos o noso voto favorable a esta cuestión”, adiantou Rouco.

O pleno do Concello de Vilalba tamén abordará o expediente para a modificación ou rehabilitación do escudo da corporación. “O BNG presentou en plenos anteriores unha moción solicitando que se eliminen as reminiscencias relixiosas que quedan no noso escudo e o que abordaremos nesta sesión será a solicitude á Comisión Heráldica da Xunta de Galicia para que faga unha proposta ao Concello dunha modificación” explicou a rexedora vilalbesa, Marta Rouco.

No ámbito das infraestruturas urbanas, o goberno local tamén presentará o proxecto de renovación do firme do acceso ao barrio das Fontiñas. “Unha necesidade que nos trasladaron os veciños e veciñas da zona e á que daremos resposta na maior brevidade mediante o aglomerado da entrada a ese núcleo de vivendas”, sinalou a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco.

“De cara ao vindeiro curso imos abrir o Punto de Atención á Infancia con 20 prazas máis para nenos e nenas de 0 a 3 anos, cuxas obras está previsto que rematen o vindeiro 15 de agosto; para a súa apertura precisamos aprobar antes o prezo público do servizo” apuntou Rouco, quen explicou que “ese prezo público será de cero euros respectando a previsión para toda Galicia da gratuidade das prazas de educación de 0 a 3 anos”.

Outras cuestión que abordará o executivo local será o regulamento do sistema de teletraballo no Concello de Vilalba, “unha modalidade de traballo que está en auxe e no noso Concello queremos regular esta figura para determinados postos que non teñen atención ao cidadán”, apuntou a rexedora vilalbesa, Marta Rouco.

O goberno local tamén proporá as festividades locais do Concello de Vilalba para o ano 2026, que serán o 31 de agosto, día de San Ramón, e o 1 de setembro, día de Santa María. Así como unha modificación das bases de execución do orzamento “para incluír as subvencións ás asociacións e entidades culturais do Concello que finalmente, tal e como decidiu a concelleira de Cultura, serán de carácter nominativo e non por concorrencia competitiva” aclarou Rouco.

Finalmente, presentarase a proposta de desestimento da adhesión á Plataforma Queremos Galego, “ao requirírsenos unha cantidade de diñeiro para adherirnos que non está orzamentado e polo tanto do que non podemos dispoñer”, explicou a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, quen manifestou que “obviamente compartimos a defensa do galego e os obxectivos da plataforma pero non dispoñemos dos medios para facer a aportación económica que se nos solicitaba”.

⚙ Configurar cookies
0.20636701583862