A repetición dos comicios nunha mesa de Burela será o 22 ou o 29 de setembro

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
1 sep 2019

O alcalde en funcións de Burela, o socialista Alfredo Llano, confirmou que as datas nas que se vai repetir a votación das eleccións na mesa electoral 1.5.U sexán o día 22 ou o 29.

O TSXG acolleu o recurso interposto por Burela Sempre e na sentenza, a Sala indica que “se descoñece se algún dos votos declarados nulos nesa mesa podían favorecer á formación política recorrente”, é dicir, se algún deses votos ía destinado a ela. “O único que se sabe é que as papeletas desapareceron e que de lle favorecer tan só unha delas, a formación política tería representación no municipio de Burela cun concelleiro”, salienta o TSXG.

Despois das eleccións de maio, o PSOE logrou seis concelleiros, catro o PP e tres o BNG. Foi a propia Xunta Electoral a que convoca as eleccións na devandita mesa e xa calculaban que sería en setembro.

Os maxistrados concluíron que se produciu “unha evidente irregularidade e incumprimento” por parte da mesa electoral, que estaba “obrigada a non destruír as papeletas ás que se negou validez, as cales se tiñan que unir á acta de escrutinio e arquivarse con ela, unha vez rubricadas polos membros da mesa”.

“Non se puido comprobar o contido real dos votos nulos, e polo tanto, non se puido coñecer a verdadeira vontade dos seis electores que os emitiron. Pero si sabemos que se un deles se declarase válido e se dirixese á formación política recorrente, se alteraría a composición da Corporación municipal, pois obtería un concelleiro en detrimento doutra formación política (BNG), que o perdería”, sinala o tribunal.

0.19023418426514