A Reserva da Biosfera Terras do Miño centra unha xornada en Begonte sobre emprendemento e conservación ambiental

TerraChaXa
A Casa da Cultura acolle este sábado 8 de novembro, desde as 10.00 horas, un encontro con relatorios sobre emprendemento rural, agroecoloxía e conservación de hábitats
BEGONTE fervenza xestosa ourol
3 Nov 2025

A Casa da Cultura de Begonte será o sábado 8 de novembro o punto de encontro para a 'Xornada de posta en valor da Reserva da Biosfera Terras do Miño', unha cita de promoción que busca salientar os recursos naturais e humanos do territorio coa vista posta no emprendemento rural, a mellora das pequenas explotacións agrícolas e gandeiras e a conservación dos hábitats como motor de desenvolvemento económico e social.

O programa arrinca ás 10.00 horas coa inauguración oficial, a cargo de José Pérez (coordinación e organización da xornada). Ás 10.15 intervirá César Agustín Blanco Arias (Proxecto Ruraltxa, USC) con 'A conservación de hábitats como motor de desenvolvemento da bioeconomía rural'. Ás 10.55 será a quenda de Marcos Besada Álvarez (asociación Espazo Agroecolóxico A Estruga) con 'Dinamización agroecolóxica na Comarca da Terra Chá: valorización das pequenas producións e accións transformadoras para a soberanía alimentaria'. Completa a quenda de mañá, ás 11.35, Marta Luisa Silvarrey Casanova (Estudio Boconti) con 'O emprendemento no medio rural: oportunidades dunha reserva da biosfera'.

Tras unha pausa café de 12.15 a 12.45, ás 12.45 celebrarase a conferencia maxistral do profesor Francisco José Peña Castiñeira (fundador do Programa Galego de Municipios Saudables e Sustibles 2000–2025), baixo o título 'Posta en valor do patrimonio natural galego: rumbo á saúde ambiental planetaria', que incluirá a presentación do seu último libro 'Rumbo a la salud ambiental planetaria y a un mundo nuevo (Las claves para afrontar las grandes amenazas del siglo XXI)'. A clausura está prevista para as 14.00 horas, a cargo do alcalde de Begonte, Xosé Ulla Rocha.

A organización anima á veciñanza e ao tecido profesional do medio rural a inscribirse de balde a través do correo aulanaturezaconcellodebegonte@gmail.com ou nos teléfonos 618 70 94 73 e 982 39 61 43. A xornada conta co apoio da Xunta de Galicia e financiamento da Unión Europea.

⚙ Configurar cookies
0.080045938491821