A residencia de maiores de Meira inaugurarase o 25 de novembro

TerraChaXa
O Centro de Atención a Maiores de Meira abrirá as súas portas de forma oficial o próximo 25 de novembro, xoves, ás 13.00 horas.
residencia maiores meira
12 Nov 2021

O Centro de Atención a Maiores de Meira, que se atopa integrada no grupo de residencias da Deputación, abrirá as súas portas de forma oficial o próximo 25 de novembro, xoves, ás 13.00 horas, cando se realice a inauguración oficial coa presenza das autoridades.

Así o anunciou o concelleiro de Cultura de Meira, Agustín Mendez, quen asegurou que os primeiros usuarios poderán entrar a partir do mes de decembro.

O Centro de Atención a Maiores (CAM) contará con 30 prazas de residencia, ampliables a 38 se fose preciso, e 20 de centro de día. O prazo de solicitude de prazas xa está en marcha dende hai meses e esta pode facerse no propio Concello.

Tomé Roca recordou que “ao igual que nos restantes centros de xestión provincial, no acceso ás prazas terán preferencia os veciños e veciñas deste municipio; en segundo termo, persoas dos concellos limítrofes ou da comarca; e logo os veciños do resto da provincia, o que permite que as persoas maiores manteñan o arraigo, permanecendo no lugar ou na comarca na que viviron toda a vida”.

Os residentes contarán con camas de 105cm, fronte aos 90cm habituais noutros centros, e a incorporación de mobiliario exterior. O mandatario provincial destacou que “seguimos dando pasos importantes para cumprir cos compromisos desta Deputación cos concellos e coa veciñanza da provincia en materia de residencias e demostramos, con feitos, que o modelo de xestión pública, de proximidade e de calidade asistencial é o sistema que funciona”.

0.11876106262207