A residencia de Pol celebra o seu terceiro aniversario

Pol
TerraChaXa | LugoXa
O Presidente da Deputación celebra cos usuarios e usuarias da residencia de Pol o terceiro aniversario do centro
Aniversario CAM de Pol
3 Xuño 2022

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, compartiu este xoves os actos do terceiro aniversario da apertura do Centro de Atención a Maiores de Pol cos residentes, traballadores e familiares desta residencia da institución provincial. “Estou encantado de facer esta visita de novo despois de tanto tempo no que a pandemia nos impediu xuntarnos, e poder facelo ademais por un motivo tan bo, tan especial, como é a celebración do terceiro aniversario deste centro”, sinalou José Tomé, que estivo tamén acompañado polo deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, e o alcalde do municipio, Lino Rodríguez Ónega.

Destacou o esforzo conxunto que permitiu que este centro superara a peor parte da pandemia da mellor maneira e puxo tamén en valor o modelo asistencial da Deputación para afrontar este tipo de crises sanitarias. “Xa tiven ocasión de facelo por vídeo, pero quixen trasladarlles hoxe en persoa aos residentes as miñas felicitacións e agradecemento pola forza, tesón, paciencia e ánimo que demostraron durante toda a pandemia. Son un exemplo”, subliñou.

“Na Deputación de Lugo temos un modelo de residencias público, centrado nas persoas, que está chamando a atención fóra de Galicia”, sinalou Tomé Roca. Neste sentido, lembrou que foi o único representante dunha Deputación en España convidado polo Presidente do Goberno, Pedro Sánchez, ao acto de presentación do Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica (PERTE) de Economía Social e dos Coidados, celebrado o venres pasado na Moncloa, por ser un referente na atención ás persoas maiores.

O presidente comprometeuse a “manter e mellorar, se é posible, os coidados e a atención” que reciben os usuarios dos centros de maiores, e tamén a seguir ampliando a rede de residencias da Deputación porque, con este servizo, “estamos atendendo ás persoas e, ao mesmo tempo, creando emprego e actividade económica no rural. Polo tanto, estamos axudando a que a xente, sobre todo a mocidade e as mulleres, se quede no noso rural, e que así teña futuro”.

A Deputación de Lugo ten en funcionamento os Centros de Atención a Maiores de Trababada, Ribadeo, Pol, A Fonsagrada, Castroverde, Pedrafita do Cebreiro e Meira -os catro últimos abertos neste mandato- e ten previsto abrir este ano os de Ribas de Sil e Navia de Suarna. Ademais, a institución provincial continúa a traballar nos proxectos da Pontenova, Portomarín, Guitiriz, Becerreá, A Pobra de Brollón, Ourol, Cervantes, Folgoso do Courel e Ferreira de Pantón. 

UNHA SEMANA DE CELEBRACIÓN

Durante toda esta semana, as 36 persoas que residen no Centro de Atención a Maiores de Pol están a desfrutar das diferentes actividades programadas pola Deputación para celebrar o terceiro aniversario da apertura da residencia. Esta mañá, o Presidente aproveitou a súa visita para facer entrega dunha figura de Gundivós a Antonio e Amandina, dous residentes que recibiron este agasallo en representación do grupo de usuarios e usuarias do centro. Pola tarde está previsto que os residentes participen no programa da TVG Land Rober.

O luns tivo lugar un obradoiro artesanal e de cociña para a elaboración de gofres; o martes, xogos populares e unha visita das Mulleres Rurais de Pol; onte mércores celebraron o día grande cun pregón, coreografía, misa, sesión vermú, xantar con menú especial, concurso e cata de tartas, unha merenda amenizada pola asociación cultural Leña Verde e un baile con música de DJ Cristian. O programa de actividades remata mañá coa actividade Os Cinco Sentidos e un bingo.

0.19244503974915