A Ribeira de Foz expón aos políticos o problema de calado do peirao
Aproveitando a visita a Foz de Jaime Olano do Partido Popular e deputado por Lugo no congreso nacional, membros do colectivo A Ribeira de Foz mantiveron con el unha pequena reunión para explicarlle os graves problemas que sufren os usuarios recreativos, profesionais e empresas de turismo no peirao de Porto Chico. Problemas que como xa explicaron en repetidas ocasións, cren que teñen fácil solución se hai vontade política de querer atallalos.
"En Foz precisamos de forma urxente unha optimización de este peirao que xa leva en situación catastrófica moitos anos e con promesas de solucións que se remontan a época do bipartito e que xa se fan eternas", sosteñen.
A vista está e como un claro exemplo o colectivo destaca a recente optimización do outro peirao focego O Muelle, que rapidamente encheu as infraestruturas novas creadas e que claramente xera riqueza nos arredores do mesmo.
"Pero a ninguén se lle ten que esquecer que seguemos a ter outro peirao o de Porto Chico, seguemos a ter unha lista de espera moi grande para ter un atraque deportivo en Foz, seguemos a ter un sector como é o dos profesionais que precisan como auga de Maio operar nese peirao con seguridade e que agora non poden facer, seguemos a ter un crecemento de empresas de turismo náutico que precisan dunhas instalacións óptimas para poder traballar", advirten.
En definitiva seguen a ter en Foz un recurso moi importante e valioso como é o de un peirao, sen poder utilizar e aproveitar, e esta situación que se alarga tanto no tempo, só se soluciona se ademais das eternas promesas hai vontade política de querer facelo, considera o colectivo.
Trala reunión acordouse acudir a unha nova reunión en Santiago para voltar a explicar a nova presidenta de portos Susana Lenguas a necesidade imperiosa de arranxar Porto Chico.