A Romaría da Fraga: O galego como protagonista do fin de festa

TerraChaXa
O festival do 24 estará este ano a cargo de The Rapants, Nimbos, Ailá e Señora DJ, para dar paso á romaría
Imaxe do grupo galego The Rapants
24 Jul 2025

A Romaría da Fraga é unha festa popular que se celebra desde o ano 1904 e que desde o seu inicio pretende celebrar o ‘patrón pequeno’ das festas das Pontes.

Nos seus comezos situouse nunha pequena illa do Eume, onde a xente organizaba as súas merendas e xogos, pero anos máis tarde pasou a celebrarse na Carballeira de Dona Rita, as beiras do río Eume. É neste mesmo lugar onde se segue celebrando na actualidade, aínda que agora xa integrada como zona verde no centro urbano do Concello.

Ao longo do tempo fóronse introducindo novidades: máis días de romaría, acompañamento musical de orquestras, grupos de música e baile tradicional, así como maior presenza e influenza da mocidade nas actividades que se fan ao redor da tradicional romaría. Así mesmo, xurdiron novas iniciativas, como a posta en marcha en 1998 do Festival de Folk da Fraga, que se celebra o 24 de xullo.

Este ano, neste marco contarase coas actuacións de The Rapants, Nimbos, Ailá e Señora DJ. A presenza destes artistas, representa unha clara aposta pola música en galego feita en Galicia, por artistas que falan e cantan desde aquí para o mundo. A cabeza de cartel foi anunciado con anterioridade como un dos eixos da programación principal.

Estará acompañado de grupos de prestixio e estilos diferenciados que permitirán gozar aos asistentes dunha noite moi especial.

LOUBAND

O propio día da romaría, o venres 25, e logo dunha misa, haberá unha sesión vermú a cargo do grupo Louband, unha formación musical nada en Sarria no ano 2017.

O estilo musical inclúe versións de clásicos musicais tanto en galego como en castelán. Entre os estilos musicais destacan o ska, reggae, cumbia, pop e rock. Todos as versións están arranxadas por eles mesmos dando protagonismo ás voces e aos ventos da formación.

Do repertorio en galego destacan versións como O Tren de Andrés do Barro, Quen puidera namorala de Celso Emilio Batallán así como tributos a outros grupos galegos coñecidos como Lamatumbá, Siniestro Total ou Herdeiros da Crus. No repertorio en castelán conflúen numerosos estilos entre a cumbia o pop dos 80’ e 90’ e o rock de máis éxito.

FESTICULTORES

A partir das 19.00 horas, os festicultores recorrerán as rúas da vila co seu animado espectáculo, cheo de música e diversión. É unha banda cunha vintena de historia ás súas costas e máis de 800 actuacións por varios países como Portugal, Francia, Serbia, Polonia, España, e cunha habilidade irrefutable: a de cultivar a festa máis vigorosa alá onde ve a base de música, humor, baile e desinhibición cerebral.

Compartiron varias veces escenario con artistas como Manu Chao Radio Bemba Sound System, onde foron convidados a participar no Baionarena 2008.

Todo comeza cando unha noite de lúa chea Emilio Oro sofre unha transformación xenética e cerebral que o levou a converterse na Kabra Macabra. Despois de meses de andaina co seu carriño de música itinerante e moita vida social decide recrutar tropa para revolucionar o mundo dos pasarrúas en Galicia. A primeira formación do grupo quedou integrada por Yuri Brinkas (cantante), Xiñor Tonichi (guitarra), Martín el Beizo (trompeta), Alex Díaz (saxo), Gustavo Agasi (caixa), Xurxo Troncoso (bombo), Manuel Lousas (violín) e Emilio Oro (teclado), aos que logo se une Miguel Rumbao (baixo).

FIN DE FESTA

A orquestra Los Españoles, especializada en amenizar verbenas galegas desde 1988, encargarase de pechar as festas e máis concretamente a romaría, ás 22.00 horas.
Pero se a música é a gran protagonista o é aínda más o espírito de foliada que reina na celebración que, ante todo, busca ser respectuosa con unha zona protexida. Así, días antes da feira faise un reparto de espazos para evitar que ninguén quede fóra e que todo vaia segundo a normativa, que todos os grupos teñan o seu lugar para desfrutar da música e das horas de festa que se prometen nunha xornada que é festiva para toda Galicia.

NIMBOS

Nimbos nace na cabeza de Antía Caaveiro, vocalista, frautista e gaiteira do grupo. Despois de anos compoñendo melodías e musicalizando poemas, a maioría da súa irmá, decide formar unha banda para compartir todas esas cancións que foron crecendo con ela dende que compuxo o seu primeiro tema aos trece anos.
En 2023 súmanse a este proxecto Álvaro García á guitarra, Xalo Rubio ao acordeón, Mario Arranz ao contrabaixo e Diego Barro á percusión. Comezan a dar concertos en sitios como A Casa Museo Manuel María, o Festival Irmandinho de Moeche ou o Festival Folk da Fraga, entre outros.
Bebendo da tradición e do folk, Nimbos crea o seu universo sonoro mesturando con outros estilos como o jazz, construíndo unha música bailable nun amplo sentido da palabra, que leva aos directos a facilidade de interactuar dende o corpo. Están rematando de gravar o seu primeiro disco, para comezar a xira a partir de outubro de 2025. Xa teñen algún adianto publicado e terán máis sorpresas neste verán. Están no momento de expandirse alén da súa contorna na que xa son coñecidos e rodar polo resto de escenarios da rexión.

AILÁ

Ailá é unha proposta inspirada na música tradicional de transmisión oral co obxectivo de facer bailar e de sentir esa enerxía universal feita “de raíces e de ás”.
O grupo mergúllase no universo folk, cuns impecables arranxos baseados nas recollidas históricas do saber musical popular. Isto, unido á peculiar formación composta por catro músicos, dálles un carácter único, achegando unha nova sonoridade ao repertorio tradicional. Ademais, Ailá pretende con esta nova proposta artística facer chegar a súa música de raíz ás xeracións máis novas, cunha linguaxe e sons máis próximos sen perder a esencia, achegando unha visión máis ampla do universo musical no panorama actual.

THE RAPANTS

O grupo presentará en directo o seu último traballo, La máquina del buen rollo, no marco do Festival A Fraga, unha proposta de balde que promete facer bailar sen prexuízos a todo o público asistente.

The Rapants, nacidos en Muros e consolidados como un dos grandes nomes da escena indie-pop galega, chegan á Fraga tras pasar por festivais como O Son do Camiño, SonRías Baixas ou Caudal Fest. Co seu novo disco La máquina del buen rollo —nove cancións tristes para corazóns de after, con influencias disco, rock e hip hop— están a revolucionar os escenarios con directos cheos de enerxía, ironía e conexión co público.

SEÑORA DJ

Cunha enerxía que electriza os escenarios e un estilo inconfundible, Raquel R. Soto, máis coñecida como Señora DJ, conquistou o mundo da música desde o seu debut en 2016. Orixinaria de Vilagarcía de Arousa, esta talentosa DJ deixou marca na escena musical de Galicia.

O que a distingue é a súa ecléctica mestura de xéneros, desde o indie ata o pop e o urbano, pasando polo disco e o techno. Pero o que realmente a fai única é a súa capacidade para infundir cada set cun toque de “petardeo fino”, ese ingrediente especial que fai que calquera ocasión se converta nunha festa inesquecible. Señora DJ ten un compromiso co recoñecemento das compositoras mulleres, dándolles un lugar especial ás señoras na música e valorizando a súa influenza e contribución.
Selecciona temas con discursos feministas e prol-LGTBQ+.

⚙ Configurar cookies
0.16339302062988