A Romaxe de Penas de Rodas celebra a súa 45ª edición cun completo programa de actividades para todas as idades


O vindeiro domingo 29 de xuño, a parroquia de Gaioso, en Outeiro de Rei, acollerá unha nova edición da tradicional Romaxe das Penas de Rodas, unha cita xa emblemática no calendario cultural da Terra Chá, que este ano cumpre a súa 45 edición.
A xornada arrancará ás 10:00 horas cun partido de fútbol no Campo do Penedo, ao que seguirá unha ruta de sendeirismo ata o Miradoiro da Terra Chá guiada por Guido Guía, quen tamén será o encargado de dar o pregón ás 13:00 horas.
A partir das 12:00 abrirá a V Feira de Artesanía e Produtos da Terra, que se manterá activa ao longo do día con postos variados. Ás 13:30 terá lugar o vermú amenizado polo dúo Zafiro, xusto antes do tradicional xantar campestre previsto para as 15:00.
A tarde estará chea de actividades para todos os públicos, con xogos populares a partir das 16:30, a representación teatral Asasinato na tenda de roupa do grupo local Penas de Rodas ás 17:30, e a actuación do grupo de música tradicional Airiños de Orbazai ás 18:45, incluída no programa Tradigalu da Deputación de Lugo.
A clausura da feira será ás 20:15, coa entrega de trofeos e o sorteo de dúas cestas de produtos: unha xeral e outra infantil.
Durante toda a xornada haberá servizo de bar con pan, empanada, lacón asado, larpeira, polbo e churrasco, con opción de encargo previo.
Unha cita festiva, cultural e gastronómica que mantén vivo o espírito da romaría tradicional galega.
