“A Romaxe permítenos poder desfrutar dunha contorna única”

Como xorde esta asociación?
A nosa historia comeza alá polos anos 60 cando Alfredo Sánchez Carro, que por aquel entón era delegado de Información-Turismo, propuxo a varios veciños solicitar unha subvención, impulsada pola Fundación Barrié de la Maza porque facilitaba dotar de teleclubs ás provincias galegas. A solicitude foi aprobada polo que os veciños se puxeron mans á obra e comezaron a construír un teleclub con gran implicación no noso pobo, en Santiago de Gaioso, que na actualidade está reconvertido como local da Asociación Cultural Penas de Rodas. No teleclub había unha televisión para todo o pobo, e tamén se realizaban actividades como semanas culturais, charlas, obras de teatro, proxeccións de películas, etc.
Como evolucionou a asociación?
O tempo foi pasando e xorde a idea de limpar e mellorar o entorno das Penas de Rodas, que naquel momento era monte e estaba practicamente intransitable. Os veciños axudaron nesta proposta foron limpar. Así, construíron un escenario de cantería, sobre o que actualmente se desenvolven as actividades ano tras ano na romaxe. Levaron a auga ata a área recreativa, fixeron pozos no monte e canalizárona ata alí. E máis adiante, os días de festa tamén traían a luz dende as últimas casas de Gaioso, que son as do campo da feira, con mangueiras monte arriba ata chegar as Penas de Rodas. A primeira actividade que foi levada a cabo nas Penas de Rodas foi un Belén Vivinte e foi no ano 1980 cando se celebrou a primeira romaxe. Como daquela aínda non habían as actuais mesas de pedra para o xantar, nin postos de alimentación; o que facían era montar mesas e bancos de madeira; e para facer a festa o máis económica posible compraban o polbo no porto da Coruña e preparábase para o consumo.

Cales son os obxectivos?
Os obxectivos da Asociación é a conservación da área recreativa e promover a comunidade en Santiago de Gaioso, promovendo actividades para todos os públicos, tanto nenos, como adultos e sobre todo maiores, porque é a maior parte da xente que vive aquí. A nosa intención é que participen cantas máis persoas, mellor, xa que estamos abertos a todo o mundo. Con respecto aos nenos, fixemos en Nadal un contacontos musical para atraelos e quedamos ledos e sorprendidos porque houbo bastante participación e cara a iso queremos ir.
Cales son as actividades que levan a cabo?
Agora mesmo contamos con arredor de 100 socios e socias do Concello de Outeiro de Rei e outras de concellos limítrofes que participan nas nosas actividades, como pilates, talleres, excursións, un curso de pandeireta e canto, temos un grupo de teatro... A cota de socio é anual e de 15 euros, e estamos abertos a que se unan máis persoas ou que incluso veciños e veciñas que queiran participar nalgunha actividade pero non queira ser socia, tamén pode.
O teatro xorde desde a orixe do colectivo, que importancia ten?
Exacto, o teatro xurdiu da man dese grupo de veciños e amigos, xente de aquí, que ademais de conservar o entorno da área recreativas de Penas de Rodas, queriamos facer algunha actividade cultural, polo que se puxo en marcha o grupo de teatro, que segue hoxe en día e que se reúne unha vez por semana para ensaiar. Así, as persoas interesados en vernos actuar, poderán facelo na 45ª Romaxe, e animamos a todas as persoas interesadas da contorna a animarse e formar parte del.
Falando da Romaxe, cal vai ser a programación deste ano?
A 45ª edición da Romaxe, que terá lugar o vindeiro 29 de xuño, vai seguir a dinámica de todos os anos e conserva a esencia do principio. Así, pola mañá terá lugar unha ruta guiada por Guido Álvarez cara ao Miradoiro da Terra Chá. Logo, haberá un partido de fútbol no que o Gaioso Veteranos se enfrontará a outro equipo que aínda non sabemos. Logo, terá lugar apertura da V Feira de Artesanía e Produtos da Terra, que contará con postos de artesáns e produtos varios. Despois, será o pregón, a cargo de Guido Álvarez, guía turístico de Lugo, seguido da sesión vermú. Xa ao mediodía, organizamos un xantar campestre no que contaremos cun posto de polbo e churrasco e outro de pan e empanadas. Pola tarde, teremos xogos populares para nenos e adultos e a Escola de Teatro de Penas de Rodas representará a obra de teatro ‘Asasinato na tenda de roupa’. Para rematar, Airiños de Orbazai pechará a Romaxe cunha actuación musical subvencionada pola Deputación de Lugo a través do programa Tradigalu e, finalmente, faranse sorteos para as persoas que mercaron nos postos de artesanía e entregarase o trofeo ao equipo gañador do partido de fútbol. Ademais, este ano puxemos a disposición das persoas interesadas camisetas para a Romaxe por un valor de 10 euros para colaborar con nós e poden encargarse antes do 30 de maio, así como tamén haberá un posto de merchandising durante a Romaxe.

Como foi evolucionando?
Nun primeiro momento, celebrábase o primeiro domingo de agosto, pero estes últimos anos decidimos cambiala a xuño porque se ía moita xente de vacacións. Este ano, como os últimos, esperamos que veña moita xente atraída polas actividades programadas e que teñamos sorte co tempo. Ademais, a Romaxe é un momento moi especial no ano e pasamos momentos súper bonitos que quedan no recordo e nun espazo natural único.
Que necesidades ten a asociación?
Contamos coa colaboración do Concello de Outeiro de Rei para manter a área recreativa e a Deputación proporciónanos algunha actuación na Romaxe, pero necesitamos máis colaboración e implicación tanto das institucións para poder seguir facendo actividades, e da xente para que a asociación siga viva. Nós intentamos manter limpa a área recreativa durante todo o ano, pero facemos un chamamento á cidadanía para que non tire lixo e que faga un uso responsable.
Mirando cara ao futuro, cal é a mirada?
Queremos seguir como ata agora, mantendo as nosas actividades, o teatro, as excursións, as actividades musicais, intentando recuperar iniciativas que levabamos a cabo antes e, sobre todo, abertos a todo o que nos poidan propoñer, xa que a nosa prioridade é que os nosos socios estean contentos. Aproveito esta plataforma para dicir que se alguén está interesado en participar nas nosas actividades ou facerse socio, só ten que mandarnos unha mensaxe ao enderezo penasderodas@yahoo.es.
