A Romería da Xestosa coas súas poxas volve o próximo sábado

TerraChaXa
Nesta romaría, que se celebra ininterrompidamente dende hai un século, haberá poxas os dous días, sendo un dos poucos lugares de Galicia onde se conservan
festas-muras-a-xestosa
8 Jun 2025

O Concello de Muras celebrará a súa tradicional Romería de San Antonio da Xestosa a fin de semana do 13 ao 15 de xuño. Así, as festas darán comezo este ano o venres, ás 19.30 horas cunha misa solemne a procesión e, de seguido, habeár unha sardiñada e chourizada de balde. A noite estará amenizada pola orquestra Compostela e DJ Juanjo.

O sábado arrancarán o día coa misa solemne ás 13.00 horas con procesión seguida de sesión vermú co grupo Alba e, pola noite, este mesmo grupo acompañará da Discomovil Olympo.

Ás 15.00 horas está previsto o xantar popular no campo da festa a base de empanada, callos, churrasco de porco, sobremesa, café e licores por un prezo de 33 euros. As persoas interesadas en asistir deberán anotarse antes do 9 de xuño nos teléfonos 697 882 724 e 697 882 760.
O domingo, haberá oficio relixioso tamén á mesma hora e sesión vermú prolongada conn Verónica Cambón, que poñerá o punto e final a dous días de celebración.

Nesta romaría, que se celebra ininterrompidamente dende hai un século, haberá poxas os dous días, sendo un dos poucos lugares de Galicia onde se conservan. Toda a veciñanza lembra esta romaría de sempre, sen quedar ningún ano sen celebración. Só por mor da guerra civil trasladouse un ano ao mes de setembro. Durante a pandemia aínda que non houbese festa, os veciños achegábanse un momento para saudar ao Santo.

As poxas son unha a ofrenda ao Santo Antonio de Padua en agradecemento das boas colleitas obtidas e para pedir abondosas recolleitas nas vindeiras tempadas. Sendo de tan antiga tradición, manteñen gran popularidade na Xestosa. A veciñanza achega todo tipo de ofrendas; produtos da horta como patacas, millo, produtos de elaboración local como o queixo, o pan, sen faltar os ovos por ducias, os lacóns e todo tipo de manxares. Mesmo se conservan as poxas de animais vivos: galiñas, quicos, coellos, pavos e dependendo do ano, ata cordeiros, recadándose deste xeito importantes cantidades de diñeiro.

As alfombras florais son máis novas, lévanse facendo dende o 2021 grazas a iniciativa de Gloria, que xa as facía en Lois, o seu pobo de León, antes de vir no 2019 a vivir á Xestosa, en Muras. Utiliza pétalos das dixitais purpúreas (campaniñas), das xestas, das semprevivas, das hortensias, e o verde do mirto, loureiro ou tuia así como pousos de café ou serradura para certos ornamentos. Nelas sempre salienta a Santo Antonio de Padua, A Xestosa e Muras.

⚙ Configurar cookies
0.14334297180176