A rúa Basanta Silva será peonil a partir do primeiro trimestre do 2025
O tenente de alcalde Modesto Renda anunciou a vindeira regulación do tráfico na rúa Basanta Silva a fin de que sexa realmente peonil. Unha agardada medida, que se fará efectiva no primeiro trimestre de 2025 e que se tomou logo de contrastar cos residentes as diferentes posibilidades para a rúa.
A través dunha concorrida xuntanza, o tenente de alcalde tivo a oportunidade de recoller de primeira man as demandas e o punto de vista dos seus veciños e confirmar que a unanimidade en torno á posta en marcha de mecanismos de control do tráfico rodado é total entre o conxunto dos e das residentes.
A instalación dun novo bolardo electrónico que se poida subir e baixar con mandos de control que se repartirían entre os residentes foi a opción máis analizada na reunión, aínda que non se descartan outras fórmulas de disuasión.
A habilitación dun novo horario ben pechado de carga/descarga no que os mecanismos de control se desactiven ou a resposta dos mesmos no caso de emerxencias, foron outros dos puntos a tratar que máis suscitaron o interese da veciñanza.
Renda, que puxo en valor o fundamental deste tipo de reunións, agradeceu a grande receptividade dos e das residentes e reiterou o compromiso do Concello de dar a palabra á veciñanza diante das cuestións que lles afectan.