A saída da Chave de Bascuas estivo deslucida pola choiva

TerraChaXa
Aínda que o número de inscritos na ruta era moito maior, as condicións climatolóxicas adversas diminuíron o tamaño do pelotón
a-Chave-de-Bascuas-saida-btt-guitiriz
12 May 2025

O pasado domingo, 11 de maio, celebrouse a cuarta saída do programa BTTeando por Guitiriz, organizado polo Concello de Guitiriz coa colaboración do Club Btteiros Cova da Serpe. Nesta ocasión, foi a quenda da Ruta A Chave de Bascuas, que reuniu a unha decena de participantes nunha xornada que estivo moi marcada polas continuas choivas.

A saída, a última antes do parón do verán, contaba con 25 persoas inscritas, pero as condicións climatolóxicas adversas fixeron que o número de participantes fose menor. A pesar de que o pelotón foi máis reducido do previsto, os asistentes saíron a gozar da bicicleta, da auga e do monte nun día máis propio do inverno.

O programa transcorreu con normalidade, dando comezo ás 10:00 horas desde Bascuas, na parroquia de San Salvador. O Grupo completou un percorrido polos montes de Trasparga, San Salvador e Os Vilares, finalizando na Capela de Bascuas, onde Alfonso Blanco fixo de anfitrión e contou a historia do lugar, explicando varios detalles da capela.

O programa BTTeando por Guitiriz continuará despois do verán, cando se realizarán un total de tres saídas máis nesta sétima edición. A seguinte, O Lado Escuro, está programada para o próximo 12 de outubro.

⚙ Configurar cookies
0.1638720035553