A Samurai Xtreme Race volve ás Pontes este domingo

TerraChaXa
Este ano supera as 1.200 persoas inscritas nun evento que volve a ser puntuable para o Campionato Nacional
samurai-xtreme-race-presentacion
Presentación da proba
3 Xul 2024

A Samurai Xtreme Race regresa ao lago das Pontes o vindeiro domingo, 7 de xullo. O presidente da Deputación e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso; o presidente do Samurai Sports Club, José Rodríguez, e o deputado de Deportes, Antonio Leira, presentaron onte no pazo provincial a sétima edición do evento, que volve ser puntuable para o Campionato Nacional e clasificatoria para o Campionato Mundial de Carreiras de Obstáculos que se celebrará en Mamooth Lakes, Califonia (Estados Unidos) en outubro.

A Samurai Xtreme Race é una carreira de obstáculos que se desenvolve na contorna do lago pontés e conta con obstáculos naturais, como ríos ou gabias, e outros artificiais, como valados, aramados e coches. A proba celébrase desde o 2015 e este ano cumpre a súa sétima edición, para a que conta coa colaboración da Deputación da Coruña a través dun financiamento de 30.400 euros derivado da liña de subvencións para grandes eventos deportivos.

O presidente provincial destacou a consolidación da Samurai nun “espazo único como o lago” e afirmou que une “todo o mellor que ten o deporte: participación, solidariedade, traballo en común, esforzo…”. Formoso trasladou o seu recoñecemento “a todas e todos os que a fan posible.

A proba está organizada polo Samurai Sports Club e contará cun percorrido de 10 quilómetros no que é preciso superar máis de 60 obstáculos. O presidente da entidade sinalou que a carreira comezou cunha inscrición de 700 persoas na súa primeira edición e que este ano xa supera as 1.200. O obxectivo é que a presenza feminina, que se incrementou ata o 40 %, acade o 50 % nun futuro próximo. Ademais, a competición non está destinada unicamente a maiores, pois a rapazada de 4 a 13 anos poderá gozar da Samurai Junior Race, que conta cun cento de pequenos anotados.

Antonio Leira apuntou, pola súa banda, que a proba reúne “valores, reto e espectáculo”, polo que animou a acudir ao lago o domingo a desfrutar dela.

0.10763120651245