A SD Pol, un club en crecemento que aposta polo fútbol base

Pol
LugoXa | TerraChaXa
A estrutura deportiva, que estrea equipo filial en sénior, contará tamén con catro equipos, tres nas categorías de fútbol 8 e un infantil
campo-de-futbol-pol
13 Sep 2025

A Sociedade Deportiva Pol cumpre máis de corenta anos de historia e faino nun dos seus mellores momentos. O club, que xurdiu o 2 de xaneiro de 1979 cando un grupo de amigos decidiu fundalo no bar Abuide de Mosteiro, tivo como primeiro presidente a Manuel Luna, nome que bautizou durante máis de catro décadas o estadio no que xogaron centos de partidos e que hoxe segue acollendo os encontros do filial e dos equipos de base. Ao longo deste tempo, o Pol sumou ascensos, títulos de Copa Deputación e, sobre todo, o fito histórico de competir por primeira vez en Preferente, categoría na que logrou consolidarse a pasada tempada.

O club afronta este curso con máis ilusión ca nunca e cunha estrutura cada vez máis sólida. Na actualidade contará con catro equipos de fútbol base –prebenxamín, benxamín, alevín e infantil–, ademais do filial, que competirá en Terceira Rexional, e do primeiro equipo en Preferente. Entre todas as categorías, a entidade reúne preto dun centenar de fichas, unha cifra que amosa o pulo dun proxecto que non deixa de crecer.

A valoración da pasada campaña non pode ser máis positiva. O equipo de Preferente foi de menos a máis e conseguiu o gran obxectivo marcado: manter a categoría na súa primeira experiencia. “Consolidarnos foi un éxito”, subliñan desde a directiva, que ve nesta continuidade un paso clave para seguir medrando. Xa o equipo tivo o ascenso moi preto en varias ocasións pero no foi ata o 2023 que cantou o alirón.

Un dos sinais de identidade da SD Pol é a súa clara aposta pola canteira. Se o ano pasado contaban con dous equipos de base, nesta campaña serán xa catro. “O segredo para xuntar tantos rapaces nun concello pequeno está no traballo constante e no atractivo das instalacións”, explica o coordinador do club, Luis Romay. Moitos dos nenos e nenas proceden da propia localidade, pero tamén doutros concellos próximos, e para algúns é a súa primeira experiencia no fútbol. Outros chegan tras decidir cambiar de club e sumarse a un proxecto que transmite confianza.

Nesta mesma liña naceu o filial, un equipo creado para dar continuidade aos xogadores en idade sénior e facilitar a súa transición cara ao primeiro equipo. “Queremos que os rapaces da base teñan a posibilidade de desenvolver toda a súa carreira deportiva dentro da nosa estrutura”, explica.

INSTALACIÓNS

As instalacións municipais son outro dos grandes piares do proxecto. Consideradas das mellores da provincia, convertéronse nun auténtico reclamo tanto para xogadores como para visitantes. A súa calidade fixo que durante anos foran demandadas por outros equipos da provincia, aínda que a medida que a estrutura do Pol se reforza, cada vez están máis destinadas ao propio club.

Os obxectivos para esta tempada están ben definidos: na base, que os rapaces aprendan e gocen do fútbol; no filial, asentarse e pelexar polos postos altos da categoría; e no primeiro equipo, seguir consolidándose en Preferente e mellorar, se é posible, os rexistros da pasada campaña.

En canto a necesidades, desde o club recoñecen que o principal reto é manter a saúde do cadro de xogadores e evitar lesións, un aspecto que condicionou en campañas anteriores. Para iso contarán con novas incorporacións que reforzan todas as liñas: na portería chega Javi Liz; na defensa Mateo Neira, Diego Fernández, Pablo Rey e Tomás Susavila; no medio, Luis Díaz e Marco Díaz; e en ataque, Diego Rey e Juan David “Pichi”.

A SD Pol afronta así un curso cargado de ilusión, apoiándose na súa historia, nas súas instalacións e, sobre todo, nunha aposta firme polo fútbol base que garante o futuro dun club que se converteu nun orgullo para toda a comarca.

⚙ Configurar cookies
0.206130027771