A segunda fase do Plan de Sendas de Galicia estenderá estes itinerarios en máis de 120 quilómetros
A Xunta licitou, por importe de 4 millóns de euros, os contratos de redacción dos proxectos das actuacións a financiar con fondos europeos FEDER 21/27, que inclúen a redacción dos proxectos dos itinerarios de alta prioridade incluídos na segunda fase do Plan de Sendas de Galicia, que suporá estender a actual rede de sendas noutros 120km ata 2027, cun investimento total de preto de 70 millóns de euros. Esta nova fase do plan que se saca a concurso inclúe un total de 114 itinerarios nas catro provincias galegas.
A licitación anunciada hoxe pola Axencia Galega de Infraestruturas inclúe 6 lotes de redacción de proxectos, dous para sendas peonís e ciclistas, dous para mellora da seguridade viaria en estradas autonómicas, un para actuacións de mitigación do ruído e outro para actuacións preventivas en muros e noiros. O obxectivo é se poida comezar a redactalos a mediados do vindeiro ano. As empresas interesadas terán de prazo ata o vindeiro 30 de xaneiro.
A Xunta leva case 300km de itinerarios peonís e ciclistas coa anterior fase do Plan de Sendas de Galicia, que recentemente foi premiado pola UE. A través deste plan, o Goberno galego está a dotar de rutas accesibles ás estradas autonómicas, permitindo a circulación separada de vehículos e peóns, mellorando así a seguridade viaria ao proporcionar un itinerario cómodo e seguro ás persoas, ademais de fomentar un estilo de vida máis saudable.
As lonxitudes e orzamentos definitivos destes itinerarios concretaranse nos proxectos que se redacten, pero partindo da planificación xa proxectada nas catro provincias. Deste xeito, na provincia da Coruña, poden destacarse a planificación de novos itinerarios entre Arteixo e Lañas; entre Oleiros e Cambre, en Cambre e Culleredo ou en Boqueixón.
Por outra banda, na provincia de Lugo prevese, entre outros, novos itinerarios en Ombreiro (Lugo), en Guitiriz, en Parga, en Monforte de Lemos ou en Sarria. No caso de Ourense, destacan as previstas na capital da provincia, en Reza, de acordo co proxecto consensuado cos veciños; e na zona do Cumial.
E en canto a provincia de Pontevedra, actuarase no impulso de sendas en Vigo, Nigrán, O Porriño, Pontevedra, Poio, Moaña, Vilaboa, Meaño, Cangas, Bueu, Tomiño, O Rosal, A Guarda e Oia, Tui, Salvaterra, Ponteareas, As Neves, Lalín, Vila de Cruces ou A Estrada.