A Semana da Mobilidade en Burela continúa con charlas da DXT

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
18 sep 2019

Seguen as actividades da Semana Europea da Mobilidade en Burela. Esta mañá de 11:00 a 13:30 horas haberá instalado un stand informativo na praza do Concello Eu si que o fago. Alí vanse repartir recolledores para retirar os excrementos dos cans. Xa pola tarde de 17:00 a 20:00 horas, tamén na praza do Concello, estará instalado o circuíto de educación vial, aberto a todo o público que queira acudir. E ás 19:00 horas na praza da Mariña haberá un ensaio de Arume. 

Mañá, xoves, haberá sendas charlas impartidas pola DXT nos IES Perdouro e Monte Castelo tituladas Anda en bici seguro. E pola tarde nova cita co circuíto de educación vial. 

A Semana Europea da Mobilidade culminará o vindeiro domingo, 22 de setembro, coa celebración do día sen coches. Ata esa xornada segue aberto o prazo de presentación de fotografías ao concurso Os Beatles en Abbey Road… nun paso de cebra. As persoas interesadas en participar deben facer unha foto imitando a mítica imaxe  e enviala a gaia@burela.org xunto cos nomes dos participantes, DNI e un número de teléfono de contacto. O prazo remata o 22 de setembro ás dez da noite. A foto premiada recibirá como agasallo unha cea valorada en 100 euros no Contraste. 

Onte tivo lugar o concurso de debuxo infantil Camiña connosco. Todos os participantes levaron unha camiseta de Burela Bonito e houbo un premio para cada categoría: ata 6 anos, de 7 a 9, e de 10 a 12. Os agasallos foron xogos de mesa e inxenio.

0.13340711593628