A Semana de Cine de Lugo acollerá dúas proxeccións sobre Guitiriz
Guitiriz ten na XLIII Semana de Cine de Lugo unha sección na que estarán dous dos traballos audiovisuais máis recentes sobre este concello.
Entrar aos vilares, o filme documental dirixido por Cibrán Tenreiro e que pertence ao proxecto Lareira de soños e o documental Cine Tomé, unha raiolada en Guitiriz, creado por Kamy Iglesias e Xosé Antonio Arias, proxectaranse o vindeiro xoves 23 de setembro ás 20:00 no salón de actos da Deputación Provincial dentro da XLIII Semana de Cine de Lugo nunha sección do prestixioso certame adicada a Guitiriz.
Ambas películas foron promovidas dende entidades culturais do concello, a primeira dende a asociación dos Vilares e a do Cine Tomé dende a AC Xermolos e as dúas tentan recuperar anacos da historia recente, a primeira dende unha perspectiva etnográfica (Entrar aos Vilares) e a outra dende a lembranza viva dun pasado aínda presente (Cine Tomé).
Entrar aos Vilares proxectouse en máis de setenta lugares de Galícia e foi finalista na MICE Mostra Internacional de Cinema Etnográfico e está editada en DVD co libro Lareira de soños de Pastora Veres. Cine Tomé, unha raiolada en Guitiriz estreouse no XLI Festival de Pardinhas o pasado ano.
Os dous filmes fan protagonistas ás xentes do lugar como narradores da súas propias vivencias, construtores e constructoras da historia dun pobo.
Guitiriz terá o vindeiro xoves protagonismo na Semana de Cine de Lugo amosando dous traballos audiovisuais producto do seu dinamismo asociativo e cultural.