A Semana Europea da Mobilidade de Burela súmase á marcha Alas de Vida e remata cun domingo sen coches

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
20 sep 2019

Continúan as actividades da Semana Europea da Mobilidade en Burela este sábado cun paseo solidario con Alas de Vida ás 16:30 horas e festa infantil na praza da Mariña. E ás 19:00 horas nese mesmo escenario estará Caxoto Contacontos con Conto para escoitar mentres bailamos un balse. 

A Semana Europea da Mobilidade culmina o domingo, 22 de setembro, coa celebración do día sen coches. De nove da maña a dez da noite estará pechada ao tráfico a rúa Pardo Bazán, entre as interseccións de Curros Enríquez e Eijo Garay. E haberá actividades ao longo de todo o día: a Xeoruta do Cantiño, as carreiras Alas de Vifa, xadrez na rúa, música, palillando na rúa, xogos deportivos e tradicionais ao aire libre, exposición de produtos artesanais, dispara a gol, cine infantil, Kangoo Jumps e Jumping, foto para o calendario contra a violencia de xénero e tamén exhibición de baile de salón. 

E ata o 22 segue aberto o prazo de presentación de fotografías ao concurso Os Beatles en Abbey Road… nun paso de cebra. As persoas interesadas en participar deben facer unha foto imitando a mítica imaxe  e enviala a gaia@burela.org xunto cos nomes dos participantes, DNI e un número de teléfono de contacto. O prazo remata o 22 de setembro ás dez da noite. A foto premiada recibirá como agasallo unha cea valorada en 100 euros no Contraste. 

O xoves tiveron lugar sendas charlas impartidas pola DXT nos IES Perdouro e Monte Castelo tituladas Anda en bici seguro. E pola tarde estivo aberto o circuíto de educación vial na praza do Concello. 

0.10165905952454