'A Serie Clopen' chega a Vilalba da man do Centro Dramático Galego

O Auditorio Municipal Carmen Estévez de Vilalba acollerá este domingo, 2 de novembro, ás 19:30 horas, a representación da obra A Serie Clopen, unha produción do Centro Dramático Galego baixo a dirección de Pablo Reboleiro e dramaturxia de Clara Gayo e o propio Reboleiro.
O espectáculo, que combina humor, reflexión e unha posta en escena innovadora, conta cun elenco formado por Marián Bañobre, Luz García, Johanna Hesse, Raquel Oitavén, Natalia Pajarito, Inés Santos e Guillermo Solo. A proposta invita o público a mergullarse nunha historia contemporánea que explora as fronteiras entre a realidade e a ficción, cun ritmo visual e narrativo que recorda ás series actuais.
As entradas teñen un prezo de 5 euros e poden adquirirse a través da plataforma ataquilla.com ou directamente na billeteira do Auditorio o propio día da función, entre as 17:30 e as 19:30 horas.
Esta actividade enmárcase na programación cultural do Concello de Vilalba, que continúa apostando pola difusión das artes escénicas e o apoio a proxectos do teatro galego, ofrecendo ao público vilalbés a oportunidade de gozar dunha das producións máis destacadas da tempada.