A sesión coa escritora Antía Yáñez na Pastoriza cambiouse para o día 25
O club de lectura Entre Liñas da Pastoriza segue coas xuntanzas vinculadas á lectura e nesta ocasión, Antía Yáñez visitará o club.
Será finalmente o sábado 25 de novembro, ás 21.00 horas no Fogar de Maeloc, para recibir á escritora de Non penses nun elefante rosa, e non o 19 como estaba previsto nun primeiro momento.
Nesta obra, Antía trata, cun extraordinario sentido do humor, o tema da saúde mental. As páxinas de Non penses nun elefante rosa son divertidas, atrevidas, profundas, politicamente incorrectas e vertixinosas, e arrastrarán canda si moitas lectoras e lectores que lerán esta novela coma se visen unha serie sobre o tempo que vivimos.
Esta actividade é aberta para todo o público que queira asistir e tamén está aberta a participación no club de lectura.