A situación da covid-19 descontrólase en Xove e Viveiro

TerraChaXa | AMariñaXa
8 Xan 2021

A situación epidemiolóxica na provincia de Lugo refrénase un pouco mentres na Mariña a situación no fai máis que empeorar. Así, en xeral a provincia suma 7 casos novos máis nas últimas 24 horas ata chegar a 626 (onte foron 44), xa que nas últimas horas rexistráronse 34 contaxios novos (onte foron 63) mentres que as altas chegan ás 6.728, 35 máis que onte (o día anterior foron 25).

Dende que comezou a pandemia, no mes de marzo do pasado ano, hai 7.502 casos rexistrados e 145 persoas falecidas.

Coa UCI baleira unha xornada máis a presión hospitalaria en planta descende novamente en dous casos e xa son 17 os ingresados: 5 no Hula, 10 no Hospital da Mariña (un menos) e 2 no Hospital de Monforte (un menos).

A situación na Mariña descontrólase unha xornada máis. Xove sobe xa dos 100 casos, con 101 mantendo unha incidencia acumulada por habitante das máis altas da provincia. Aínda que son dous casos máis que onte preocupa o continuo crecemento.

En Viveiro, volven rexistrar un novo aumento de casos con dez desde onte que sitúa ao Concello cun acumulado de casos novos en quince días de 99.

Os dous están con peche perimetral e control da hostalaría así como medidas de aforo ao estar en estado de alerta, pero non logran conter o virus.

Burela, cun gromo na residencia de maiores onde foron vacunados xa da primeira dose, mantense en 30 casos en 15 días, un menos que onte tras un par de días en crecemento. Cervo segue rexistrando 12 contaxios acumulados na quincena mentres Foz baixa de dez e Ribadeo disminúe pouco a pouco ata os 24 (un menos que onte).

O resto de concellos mariñaos teñen moi baixa a incidencia e Lourenzá e Barreiros son os únicos onde non houbo casos novos de covid na última quincena.

No resto da provincia a situación está estable na Terra Chá con Vilalba e A Pastoriza controlando o crecemento e manteñen cifras altas en Lugo, que volve estar por riba dos 100 casos. En Chantada e Monforte están tamén certificados 16 casos en cada un nos últimos días.

0.18271088600159