A sociedade económica e social e o Concello das Pontes apoian o proxecto enerxético do Tesouro
O tecido empresarial, económico e sindical das Pontes apoia a posta en marcha do parque eólico e o complexo de loxística e mantemento eólico previsto nas antigas instalacións mineiras do Tesouro, en Espiñaredo, que contempla un investimento de máis de 70 millóns de euros e que conta coa declaración de impacto ambiental favorable da Xunta e o Goberno do Estado, e a construción dun parque eólico e dúas subestacións nos terreos que ocupaba a antiga escombreira.
Un complexo que, segundo as estimacións de Endesa, suporá a creación de 34 empregos directos e 44 indirectos no municipio. O alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, participou nunha reunión dos técnicos que deseñaron o proxecto con representantes da Asociación de Empresarios Seara, a Asociación de Comerciantes Cohempo, os sindicatos UGT e CC.OO. e a Asociación local de transportistas que, xunto co propio Concello das Pontes, valoran positivamente a construción do parque e do complexo loxístico, que xunto cos catro parques eólicos xa existentes no municipio, as plantas de hidróxeno e de bombeo reversible proxectadas, e o ciclo combinado de gas natural seguirán facendo das Pontes un dos maiores complexos enerxéticos de España.
“Non só xeraremos enerxía, senón que imos afrontar o maior reto de cara ao futuro: almacenala”, afirmou Formoso, que explicou que as plantas de hidróxeno e bombeo reversible terán un papel fundamental neste ámbito, que xunto ao ciclo combinado e a produción eólica conformarán o complexo enerxético máis completo do Estado.
Formoso destacou que “a aposta eólica é clave para As Pontes, dado que 400 familias viven actualmente do sector e aspiramos a que no futuro sexan máis”.
A posta en marcha deste proxecto suporá ingresos recurrentes para o Concello das Pontes, que servirán para amortecer as perdas de ingresos polo peche da central térmica.
Así mesmo, o proxecto permitirá que empregados de Endesa trasladados fóra das Pontes tras o peche da central e que aspiran a regresar ao municipio podan facelo.
Declaracións do alcalde
“O emprego que na nosa vila xeran os parques eólicos actualmente son 400 familias e moitas empresas locais que dependen delas, polo que non me gustaría estar na pel do BNG, que critica esta inversión e mirar á cara a todas esas persoas e empresas que manteñen a súa actividade vinculada a esta enerxía renovable”, afirmou o alcalde das Pontes.
“O non a todo non garante o avance social, pero si o retroceso dos traballadores”, concluíu Formoso.