A Subdelegación ultima os preparativos para as eleccións

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
Isabel Rodríguez supervisa a planificación loxística da Subdelegación do Goberno para as eleccións municipais do 28 de maio
SUBDELEGACION REUNION ELECCIONES
24 Abr 2023

Para estes comicios, na provincia de Lugo mobilizaranse máis de 1.000 axentes das Forzas e Corpos de seguridade e máis de 400 representantes da Administración.

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, presidiu hoxe unha xuntanza na que se ultimaron os preparativos para a celebración da xornada electoral do próximo 28 de maio, reunión na que participaron o secretario e visecretario xeneral da Subdelegación do Goberno en Lugo. Rodríguez repasou esta mañá as diferentes tarefas que se acometerán durante ese día que comprende desde a comprobación dos locais de votación, a seguridade de todas as fases do proceso e a dotación de medios materiais, pasando pola transmisión da información oficial de apertura e peche de mesas, participación, escrutinio e transmisión dos resultados.

A subdelegada lembrou que o despregamento humano que realiza a Subdelegación na provincia resulta crucial para o óptimo desenvolvemento do proceso electoral. Desde o soporte loxístico necesario para o exercicio do voto ata a transmisión de datos de participación e escrutinio o día das eleccións.

Neste senso, Isabel Rodríguez avanzou que os representantes da Administración formarán parte dun amplo dispositivo de persoas que se mobilizarán ese día para garantir o exercicio do dereito ao voto dos 270.274 lucenses convocados ese domingo a elixir aos concelleiros e concelleiras que os representarán nos seus municipios.

Concretamente, 406 persoas actuarán como representantes da Administración e ocuparanse de verificar a correcta apertura das mesas, resolver posibles incidencias e recoller os datos do reconto do voto cando pechen as mesas.

Da seguridade da xornada electoral, a subdelegada informou que se ocuparán 1.012 axentes da Garda Civil e a Policía Nacional, que contarán co apoio das Policías Locais de Lugo, Viveiro, Ribadeo, Foz, Burela, Vilalba, Chantada, Guitiriz, Cervo, Sarria e Palas de Rei, así como da Policía Autonómica.

Nas eleccións xerais do 28 de maio están chamadas a votar na provincia de Lugo 270.274 persoas, das que 269.101 son residentes nos 67 concellos e 1.173 residen no exterior. Respecto da loxística preparada para a celebración das eleccións, na provincia haberá un total de 401 locais electorais nos que se distribuirán as 533 mesas de votación.

0.12810015678406