A subdelegada defende a importancia do sector primario para a provincia de Lugo

TerraChaXa
A subdelegada defende a importancia do sector primario para a provincia de Lugo nunha visita a unha explotación na Pastoriza
pastoriza explotacion Os Foros Subdelegada Goberno 1
12 Ago 2022

A subdelegada anuncia que agricultores e gandeiros españois recibirán ata 3.386 millóns de euros en pagos anticipados da PAC a partir do 16 de outubro.

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, visitou a explotación da SAT Os Foros, en Alvaré, no Concello da Pastoriza, onde estivo acompañada polo alcalde, Primitivo Iglesias. Isabel Rodríguez puxo en valor a trascendencia do sector primario e asegurou que esta explotación, situada nunha das parroquias máis leiteiras de Galicia, “é un exemplo da importancia do sector lácteo para a provincia de Lugo, que é tanto como dicir en Galicia, unha empresa familiar que loita, contra vento e marea, por lo futuro do rural”. 

A subdelegada destacou que o Goberno ten moi presentes as dificultades que atravesa o sector primario, agravadas pola guerra de Ucraína e a suba dos prezos da electricidade e as materias primas. Por iso, creou, a finais de marzo un novo escudo social, o Plan Nacional de Resposta ás consecuencias da guerra coa finalidade de protexer aos sectores produtivos máis afectados polo conflito. 

Rodríguez explicou que o Ministerio de Agricultura creou axudas aos produtores de leite para compensalos polos prexuízos causados pola guerra e leva abonados máis de 166,5 millóns de euros a 19.688 gandeiros en España. En Galicia a contía das axudas superou os 53 millóns de euros coa provincia de Lugo á cabeza. 

A subdelegada detallou que o Goberno abonou aos gandeiros da nosa provincia máis de 25,1 millóns e subliñou que as explotacións radicadas no concello da Pastoriza foron as que recibiron unha maior contía, con 1,9 millóns de euros. Son case 3.000 as explotacións de leite da provincia que percibiron estas axudas. En Galicia a cifra de gandeiros que cobraron esta compensación superou os 6.400.

“Vivimos unha situación excepcional á que novamente deu resposta o Goberno, porque este Goberno, como fixo antes coa pandemia e agora coa guerra, non fuxe dos problemas senón que lles planta cara. E actúa sempre despregando políticas sociais en apoio das persoas e os sectores máis vulnerables nunha situación internacional tan grave como a actual”, manifestou Isabel Rodríguez.

ANTICIPOS DA PAC

A subdelegada do Goberno tamén anunciou que o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación vén de comunicar unha boa nova para o sector primario. Trátase da autorización da Unión Europea para incrementar o anticipo dos pagos da Política Agraria Común (PAC) ata o 70% nas axudas directas e ata o 85% nas medidas de desenvolvemento rural. 

España poderá, así, adiantar as axudas directas ata 3.386 millóns de euros en pagos anticipados, a partir do 16 de outubro, aos 648.691 agricultores e gandeiros que presentaron a súa solicitude única de axudas para esta campaña. Este incremento, defendido por España, permitirá dotar de maior liquidez ás explotacións e axudar aos agricultores e gandeiros a paliar os negativos efectos derivados da guerra de Ucraína.  

pastoriza explotacion Os Foros Subdelegada Goberno
0.18027305603027