A subdelegada do Goberno en Lugo salienta en Xermade o papel das mulleres rurais na transformación social e económica

A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, participou este sábado na XIII Invernada de Cine de Cabreiros, no concello de Xermade, un evento que acolleu a proxección da película Prefiro condenarme, da directora Margarita Ledo Andión. A actividade enmárcase na VIII edición do Ciclo Nacional de Cine e Mulleres Rurais 2025, promovido polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e o Ministerio de Cultura.
Durante a súa intervención, López destacou que este ciclo é 'unha ferramenta cultural única para dar visibilidade ás mulleres do medio rural e recoñecer o seu papel fundamental na transformación social e económica das nosas aldeas'. Ademais, puxo en valor 'o compromiso do Goberno de España cun rural vivo, con igualdade de oportunidades e con mulleres protagonistas, tanto no sector agrario como no ámbito cultural'.
O ciclo chega este ano a máis de 460 localidades de todo o país e reúne filmes dirixidos e protagonizados por mulleres, que amosan a diversidade, a forza e a creatividade do mundo rural.