A subdelegada do Goberno visitou as obras de mellora na praia de San Román
A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, visitou a praia de San Román, no concello do Vicedo, para comprobar o resultado dos traballos realizados polo servizo de Costas do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico coas que se dotou a esta praia de mellores accesos ao tempo que se dá protección ao sistema dunar. Na visita, a subdelegada estivo acompañada polo alcalde do Vicedo, José Jesús Novo, e o xefe do servizo provincial de Costas, José Miguel Estevan.
A subdelegada destacou que os veciños e visitantes do Vicedo beneficiaranse dunha intervención que Costas executou co dobre obxectivo de mellorar os accesos á praia e de garantir a protección do medio ambiente coa conservación do sistema dunar.
A actuación realizada por Costas consistiu na adaptación das pasarelas de madeira que conectan o paseo existente na praia de San Román co arenal atravesando o sistema dunar.
Con a intervención desenvolvida tratouse de facilitar aos usuarios un mellor acceso ao arenal, así como a protección e posta en valor do sistema dunar permitindo o seu disfrute dun xeito ordenado e evitando o tránsito indiscriminado pola zona de dunas. Ademais, os traballos incluíron a instalación dunhas zonas de miradores e de descanso para que os cidadáns poidan gozar deste entorno natural.
O Ministerio para a Transición Ecolóxica investiu 30.000 euros nesta intervención realizada o pasado mes de xullo.