A subdelegada e a alcaldesa de Guitiriz reúnense para coordinar a seguridade viaria no municipio
A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, e a alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, presidiron hoxe unha xuntanza de traballo para coordinar a seguridade viaria neste municipio. Na reunión, participaron ademais o xefe provincial de Tráfico, Ángel Álvarez; o xefe do subsector de Tráfico da Garda Civil, capitán José Miguel Martínez, e o xefe da Policía Local de Guitiriz, Eloy Vázquez.
Isabel Rodríguez explicou que o obxectivo da xuntanza, celebrada esta mañá na Subdelegación do Goberno, foi avanzar na colaboración que xa manteñen a Xefatura provincial de Tráfico e o Concello de Guitiriz en materia de seguridade viaria.
Pola súa parte, Marisol Morandeira, que aproveitou o encontro para presentar ao novo xefe da Policía Local de Guitiriz, indicou que foi unha reunión de traballo para poñer ao día a delimitación de competencias da Garda Civil de Tráfico e a Policía Local, que levaba sen actualizar desde o ano 2006.
A subdelegada explicou que este acordo enmárcase na liña de colaboración institucional que mantén o Goberno con outras administracións públicas. Así, o Ministerio do Interior, a través da Dirección Xeral de Tráfico, mantén distintos acordos de colaboración cos concellos relativos a temas de seguridade viaria.
Tráfico ten asinados convenios con distintos concellos da provincia, entre eles o da capital da provincia, cos que colabora na realización de campañas de prevención e controis de seguridade viaria. A última delas, que se desenvolveu na semana do 8 ao 14 de marzo, foi a campaña especial de vixilancia e control do cinto e dos sistemas de retención infantil.