A subdelegada e o alcalde de Foz supervisaron as obras de accesibilidade nas praias

TerraChaXa | LugoXa
21 Nov 2019

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, acompañada do alcalde de Foz, Francisco Cajoto, supervisou varios proxectos que está a executar neste concello o ministerio para a Transición Ecolóxica, a través da servizo provincial de Costas que está a realizar obras no portiño de Nois e nas praias de Llas e Xuncos.

A subdelegada destacou que, con estas actuacións, o Goberno traballa para mellorar a accesibilidade das praias de Foz, que son un importante recurso turístico e económico para o municipio.

“Estas obras son para favorecer o mellor aproveitamento dos valiosos recursos naturais que ten Foz, para que poidan ser disfrutados con maior comodidade tanto polos veciños do municipio como polos turistas, sempre mantendo un absoluto respeto polo medio ambiente”, manifestou Isabel Rodríguez. Tamén remarcou que “hoxe en Foz, igual que fixemos meses atrás noutros concellos como Xove, demostramos con feitos a aposta do Goberno pola conservación e mellora da costa da Mariña”.

O alcalde anunciou que “estas son as primeiras actuacións que levamos a cabo en colaboración con Costas para ir preparando as praias do noso concello coa finalidade de que estean nas mellores condicións na próxima temporada turística”. 

Cajoto exlicou que “o porto de Nois é o gran descoñecido da Mariña, este porto de orixe baleeiro é un recuncho con un enorme potencial turístico que recomendamos sempre visitar, como a praia de Llas que é un referente da nosa costa”. 

A subdelegada e o alcalde inspeccionaron as obras no portiño de Nois, unha actuación que ten por obxecto dotar á praia dun acceso seguro para os cidadáns, dao que ata agora só podía facerse entre rochas. Estas obras comezaron hoxe e rematarán antes do Nadal. 

Ademais, Isabel Rodríguez e Francisco Cajoto visitaron outra actuación que leva a cabo Costas no municipio consistente na instalación de varandas de aceso ás praias de Llas e Xuncos, coas que se trata de facilitar a accesibilidade dos usuarios aos arenais. Neste caso, os traballos está previsto que queden rematados a finais deste mes.

O investimento que fai o ministerio de Transición Ecolóxica na realización destas obras de mellora dos accesos ás praias de Foz é de 23.000 euros.

0.17554616928101