A subdelegada presenta na Pastoriza o programa dirixido a garantir o dereito á vivenda e contra a despoboación
A subdelegada do Goberno reuniuse con alcaldes e responsables municipais da Terra Chá de concellos que entran dentro desta categoría de poboación para trasladarlles o programa do Plan Estatal de Acceso á Vivenda. Isabel Rodríguez explicou que o Goberno axudará con ata 10.800 euros á mocidade que compre vivenda en concellos de menos de 10.000 habitantes. Tamén subvencionará o alugueiro a mozos que arrenden vivendas nestes concellos.
A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, informou onte de que o Goberno concederá unha axuda de ata 10.800 euros para aqueles mozos e mozas que decidan adquirir unha vivenda para uso habitual en municipios de menos de 10.000 habitantes. Esta subvención tamén se estende á mocidade que opte polo alugueiro no lugar de comprar vivenda. Os beneficiarios e beneficiarias serán aquelas persoas que no momento de solicitar a axuda teñan 35 anos ou menos.
Isabel Rodríguez informou desta medida na Pastoriza, onde mantivo unha xuntanza, na Casa da Cultura, con alcaldes e representantes municipais da comarca da Terra Chá que entran dentro desta categoría de poboación. Na xuntanza tomaron parte os alcaldes de Abadín, Castro de Rei, A Pastoriza e Xermade, así como a primeira tenente de alcaldesa de Guitiriz e o axente de desenvolvemento local do Concello de Muras.
A subdelegada puxo en valor un programa que “facilitará que a mocidade opte polas vilas e os pequenos municipios á hora de iniciar o seu proxecto de vida” e destacou o impacto que pode ter esta medida na nosa provincia na que “61 dos 67 concellos entran dentro desta categoría de poboación”.
Isabel Rodríguez explicou que o obxectivo que se fixa o Goberno con estas novas axudas é axudar a asentar poboación nova nos pequenos concellos para frear o seu declive. Lembrou que o reto demográfico é una política transversal do Goberno de España, que se reflicte naqueles programas e medidas que teñen impacto sobre a poboación e o territorio como poden ser a vivenda, os servizos públicos e o impulso a actividade empresarial.
Axudas para compra e aluguer
O Programa de axuda ás persoas mozas para contribuir ao reto demográfico é un dos trece programas que forman parte do novo Plan estatal de Acceso á Vivenda 2022-2025, aprobado polo Goberno. O obxectivo deste programa é atraer xente moza aos concellos máis pequenos, facilitando o asentamento de poboación nestes territorios.
Para isto contémplanse dúas axudas:
- Unha axuda á compra de vivenda, de ata 10.800 euros ou ata o 20% do total de prezo da vivenda. O prezo da vivenda non deberá ser superior a 120.000 euros.
-Unha axuda ao alugueiro por cinco anos. Será una axuda mensual que cubrirá ata o 60% da renda mensual, ata un máximo de 360 euros. Esta axuda será compatible co bono de alugueiro xove de forma que pode cubrir ata o 75% do custe do alugueiro.
Convocatorias autonómicas
A subdelegada explicou que estas axudas teñen vixencia dende o 1 de xaneiro polo que, no momento en que se convoquen as ordes correspondentes, beneficiarían os contratos asinados xa dende comezos deste ano.
Explicou que o Ministerio de Transportes, organismo responsable do Plan Estatal, dispón dos fondos nas partidas orzamentarias deste ano que serán transferidos á Xunta, pois será esta administración a que se ocupa da convocatoria das axudas.