A subdelegada reitera en Rábade o compromiso coa reformas vinculadas ao paso do tren

TerraChaXa | LugoXa
Adif está en plena fase de supervisión do proxecto para sacar a licitación das obras de reposición da pasarela peonil sobre a vía do tren e a supresión do paso a nivel do Cruceiro, previsiblemente a principios deste ano, cun investimento superior aos 710.
3 Xan 2023

Adif está en plena fase de supervisión do proxecto para sacar a licitación das obras de reposición da pasarela peonil sobre a vía do tren e a supresión do paso a nivel do Cruceiro, previsiblemente a principios deste ano, cun investimento superior aos 710.000 euros.

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, reiterou en Rábade o compromiso do Goberno coa construción dunha nova pasarela peonil sobre a vía do tren ao seu paso polo municipio e a supresión do paso a nivel situado no entorno da parroquia do Cruceiro. A subdelegada, acompañada do alcalde, Francisco Xosé Fernández, e do tenente de alcalde, Alejandro Martínez, visitou a zona onde se instalará a nova infraestrutura e informou que o Adif está nestes momentos en plena fase de supervisión do proxecto para sacar a licitación as obras, previsiblemente a principios deste ano, cun investimento superior aos 710.000 euros (IVE incluído).

Neste sentido, a subdelegada lembrou que “foi o Goberno de Pedro Sánchez o que desbloqueou este proxecto, atendendo a unha demanda histórica dos veciños e veciñas de Rábade que verán unha clara mellora na accesibilidade deste entorno, aumentando, ao mesmo tempo, a seguridade da cidadanía”.

Concretamente, o proxecto do Adif contempla a demolición da actual pasarela urbana, datada dos anos 50, por unha nova que conectará a rúa Campo da Feira e a Praza de España coa estación do ferrocarril. A plataforma, elevada, contará con acceso por escaleiras e ascensor, será metálica e terá unha lonxitude en pranta de 27,6 metros, “facendo este paso accesible a todo tipo de peóns e promovendo con iso a accesibilidade universal”, adiantou Rodríguez. Ademais, dotarase de novo alumeado á zona para maior visibilidade.

Por outro lado, a subdelegada avanzou que para a eliminación do paso a nivel no punto quilométrico 446/350 da liña Palencia-A Coruña, Adif executará dous muros de cerramento a ambos lados da vía férrea para impedir o acceso e ampliará a zona para o tráfico de peóns e vehículos. “Con estas actuacións queremos eliminar a perigosidade que supón actualmente este paso”, afirmou a subdelegada.

Por último, Isabel Rodríguez sinalou que estas melloras en Rábade son un exemplo máis do compromiso real do Goberno Central co desenvolvemento da provincia, “nun exercicio no que inxectará investimentos millonarios en infraestruturas, cumprindo con feitos o compromiso de modernizar o ferrocarril”, manifestou. 

0.14331412315369