“A teima dos Chao con Prisciliano comezou en Vilalba”

TerraChaXa
Moncho Paz, xornalista e presidente de Amigos de Prisciliano.
MONCHO PAZ PRISCILIANO PORTADA
7 Maio 2023

Moncho Paz, xornalista e presidente de Amigos de Prisciliano.

O xornalista Moncho Paz foi referendado como presidente de Amigos de Prisciliano o pasado 28 de decembro, data na que o colectivo quedaba legalmente constituído en Compostela como asociación cultural. Na actualidade, ten varios proxectos en marcha, entre os que destacan a escolma de crónicas O mundo do Chavito, o libro de artigos Pílulas de vendimario (na colección Biblioteca Chairega) e o documental O camiño de Prisciliano (con Arraianos Producións).

Como xurdiu o proxecto de crear unha asociación cultural?

Dende o seu retiro en Sèvres, Ramón Chao promoveu, coa axuda de varios galegos afincados en París (e tamén outros convencidos, como Jean-Claude Carrière e Jacek Wozniak) a reivindicación de Prisciliano a través dun proxecto que lanzamos inicialmente como “colectivo cultural”. Tras a súa reconciliación definitiva con Vilalba, en abril de 2011, decidiu que visitaría Galicia catro veces ao ano, unha por trimestre; deste xeito, comezamos a selección das persoas que hoxe integran a xunta directiva da asociación: catro socios fundadores, dez delegados en Galicia e outros dez representantes diplomáticos alén da nosa terra. O presidente de honra é Antoine Chao e a presidencia herética (a máis alta distinción) recae sobre Ignacio Ramonet, quen tamén exerce de embaixador plenipotenciario polo mundo adiante.

Quen máis forma parte dos órganos de goberno da entidade?

A vicepresidenta é Raquel Mallo, dinamizadora cultural en Val do Dubra; a secretaria xeral, Yolanda Novo, profesora especializada na obra de Alejo Carpentier; e como tesoureiro, Xavier Carro, histórico sindicalista do sector naval. As delegacións organizámolas en cinco cidades e cinco comarcas. En Compostela, Javier Mata está á fronte da nosa sede social, sita no barrio de San Lázaro; na Coruña, o músico Xurxo Souto; en Lugo, Gabriel Núñez Chao, sobriño de Ramón; en Ourense, Pepe Saburido, coñecido activista do asociacionismo; e en Pontevedra, Afonso Ribas, de Edicións Laiovento. No que se refire ás comarcas, temos a Fran Prego no Barbanza; a Manolo Maseda, na Mariña; a Pilar Maseda, na Terra Chá; a Iría F. Crespo, na Ribeira Sacra; e a Patri Testa, en Ferrolterra. E finalmente, están os representantes diplomáticos nas comunidades autónomas onde operamos e no estranxeiro. En Catalunya, Marta Pérez; en Euskadi, Peio Paz; en Cantabria, Baldo Ibioiruz; no Bierzo, Jesús Jato; e en Madrid, Miguel Barrera. Como embaixador en Francia, Jaime Chao; en Alemaña, Luis Soto; no Xapón, Tadashi Yamamoto; e en Estados Unidos, Kirmen Uribe. O bufón e provocador Leo Bassi é o noso embaixador en Italia, mais nestes intres atópase exiliado en España por unha serie de cuestións nas que agora non podo incidir, pero que explicaremos polo miúdo nos vindeiros meses.

Que leva a Ramón Chao a inspirarse na figura de Prisciliano?

Podemos dicir que a teima dos irmáns Chao con Prisciliano comezou en Vilalba. A súa figura foi o punto de encontro entre eles, tras un longo distanciamento que se pechou nos anos oitenta, cando comezan a estudar ao herexe, rematando coa edición dos seus respectivos libros en marzo de 1999. Xosé publica ‘Prisciliano, profeta contra o poder’ e dedícallo ao seu irmán: “Ao meu amigo Ramón Chao que, ademais, por ventureiras circunstancias xenéticas, resúltame consanguíneo”. E Ramón saca do prelo ‘Prisciliano de Compostela’, editado posteriormente en galego co título ‘O camiño de Prisciliano’. Reivindican así un símbolo necesario para a construción da identidade galega, que une de novo aos irmáns. Ambos escoitaran por vez primeira o nome de Prisciliano na fonda Chao de Vilalba, en boca do seu pai, que invocaba a autoridade de Unamuno contra o mito de Santiago Matamouros, cando afirmaba que “ningunha persoa culta, por moi católica que sexa, pode pensar que en Compostela están os restos de Santiago”.

Pero reivindican a Prisciliano dende ópticas diferentes...

Xosé faino dende unha perspectiva histórica e teolóxica. Na súa madureza intelectual, toma conciencia coa loita obreira en Ferrol, o que lle permite achegarse aos símbolos da identidade galega. Pepe é o verdadeiro impulsor da figura de Prisciliano en Galicia, creando escola cos seus amigos Bernardo García Cendán (ponte con Ramón en París e un dos fundadores do Instituto de Estudos Chairegos en Vilalba) e Alfonso Blanco Torrado (fundador da Asociación Cultural Xermolos en Guitiriz). Pola súa banda, Ramón entende a Prisciliano dende o eido cultural e alternativo, a través dunha peculiar peregrinación en motocicleta de París a Compostela, para coñecer a verdadeira historia da vida, da traxectoria e da morte do herexe. Durante esa viaxe coñece a diversas persoas que, cos seus relatos, van marcando a seguinte etapa do camiño. En realidade, trátase de dúas liñas paralelas: a da vida de Prisciliano e a da traxectoria persoal do autor. Hai un momento de inflexión: cando o seu fillo Manu recupera o instinto ao chegar a Compostela e alí crea o proxecto A Feira das Mentiras, como confesará anos despois nunha entrevista: “Cheguei a Galicia e o país enteiro curoume”.

Como vai a rodaxe do documental sobre Prisciliano?

Xa rematou, agora estamos a preparar a preestrea. Será no Instituto Cervantes de París, o vindeiro 23 de maio, coa presenza da familia e das principais amizades de Ramón. A peza foi dirixida por Aser Álvarez, de Arraianos Producións, e conta coa banda sonora de Manu Chao, gravada no concerto histórico que celebrou o pasado mes de setembro en Vilalba. O documental é unha especie de ‘road movie’ que percorre os camiños de Ramón e de Prisciliano en diversos vehículos, partindo de Tréveris e con paradas obrigadas en París, Vilalba e Compostela, poñendo en valor a importancia que para Galicia ten a figura histórica do primeiro decapitado pola Igrexa católica. Conta con versións en galego e en castelán e subtitúlase en francés para a preestrea. A nosa idea é dalo a coñecer despois en numerosos festivais.

Como foi a súa relación con Ramón Chao?

Moi especial, de fonda amizade e de gran aprendizaxe, para min foi un mestre do xornalismo e tamén da vida. Coñecino con dezasete anos, a través do meu pai e os nosos camiños fóronse atopando dende entón. Idas e vidas: en Vilalba, Compostela, París, Madrid, Barcelona, Bilbao… Axudoume moito na miña traxectoria persoal e na miña carreira profesional. De todos os momentos compartidos, quédome coa satisfacción de acompañalo no seu reencontro con Vilalba, pechando así un círculo vital. Nunca esquecerei os seus xestos de emoción e de gratitude cando lle organizamos a homenaxe en 2015, coa inauguración do Piano Prisciliano no Paseo dos Soños e co seu nomeamento como presidente de honra de A Voz de Vilalba. Na nosa derradeira conversa, díxome: “Monchiño, quédanme moitas cousas por facer. Escribir unhas novelas sobre o papel da Terra Chá na forma de ser do galego, chegar a ter a graza de Cunqueiro e dar a coñecer en Galicia a figura de Prisciliano. Segue ti. É moi importante que teñamos una referencia moral dun galego histórico, e non de alguén que endexamais pisou a terra de Hispania e non se distinguiu en nada”.

MONCHO PAZ PRISCILIANO
moncho paz colaboracion
Moncho paz
0.18837809562683