A tempada turística deixa en Foz un saldo de máis de 30.000 visitantes

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
7 sep 2019

Concluído agosto, toca facer balance da tempada turística en Foz, segundo afirma o concelleiro de Turismo, Chema Linares. A localidade mantense como un dos referentes turísticos da comarca da Mariña. Así o testemuñan os datos manexados pola oficina de turismo do Concello, á que acudiron máis de 14.000 persoas a facer algunha consulta, sobre o municipio, a comarca, roteiros, aloxamentos restaurantes actividades de lecer, etc.... nos meses de xuño, xullo e agosto. A estes datos hai que engadir, como refire Linares, outras tantas persoas ( máis de 15.000) que visitaron o punto de información da basílica de San Martiño e o seu museo. En total, máis de 30.000 persoas que se achegaron os puntos de de información turística que hai como referencia. 

Experimentouse un ascenso en torno ao 4% do turismo estranxeiro, tanto en xuño como en agosto, con visitas de persoas de 43 nacionalidades diferentes, destacando Francia, Reino Unido, Portugal ou Alemaña como países de orixe maioritaria dos visitantes e tamén se recibiron, en menor medida, visitantes de lugares como Xapón, Australia e India.

Con todo, en Foz, predomina o turismo nacional nun 90%, destacando Madrid cun 30%, Galicia cun 22% ou Castela-León cun 15 %, os lugares de orixe do groso de visitantes. A estes bos datos de afluencia neta de visitantes, hai que engadir que a ocupación hostaleira rozou o 100% no mes de agosto e que Foz continúa sendo un dos concellos da comarca que se mantén como referente de segundas vivendas e de alugueres turísticos.

Vense observando un fluxo constante de turistas que se achegan a gozar das praias e, á vez, do patrimonio cultural e histórico artístico de Foz, como comenta o concelleiro de turismo. A Basílica de San Martiño está a converterse nun punto importante de visitantes, (museo, centro interpretación da Basílica) non só pola súa riqueza histórica e a importancia das súas pinturas, senón pola actividade cultural que ao longo do ano realízase nela, actuacións musicais como o encontro internacional de corais ou o recente festival Bal y Gay de música clásica que este ano contou co Cuarteto de Corda Casals, de gran prestixio internacional. Dadas as condicións acústicas da basílica, fixo que tanto os asistentes ao concerto, como o propio cuarteto quedasen impresionados polo lugar e a súa contorna. O obxectivo do equipo de Goberno é seguir progresando nesta dirección para que Foz continúe sendo un dos referentes turísticos de Galicia. 

O culmen deste verán foi a Festa Normanda desta pasada fin de semana, cunha afluencia de ao redor das 25.000 persoas, sen ningún incidente e cunha novidade, a instalación dun punto lila nunha das casetas a pé do Recinto Normando. 

A finalidade deste Punto Lila foi a de atender a calquera muller que puidese sentirse vítima dunha agresión ou abuso durante a festa do desembarco, ou na súa vida diaria e ofrecerlles o asesoramento e acompañamento que puidesen necesitar, como explica Verónica Peña, concelleira de Muller e Igualdade de Foz, quen agradece ás seis persoas que prestaron este servizo de maneira totalmente altruísta ata as catro da madrugada do sábado, apuntando a boa acollida que tivo este Punto Lila entre os asistentes e a demanda de que se instale sempre en todas as festas que se celebren en Foz e na comarca. 

Esta acción combinouse coa repartición de adhesivos co lema de Desembárcate da violencia e a repartición de flyers ou folletos con pautas de actuación ante calquera agresión ou acoso que poidan sufrir as mulleres na festa, na súa vida diaria ou tempo de lecer e recomendacións para que non se produza ningunha situación deste tipo. 

0.092012166976929