A terceira saída do Guitiriz en Ruta foi por Mariz e Santa Mariña
Ata 23 participantes uníronse o pasado domingo á terceira saída da sexta edición do programa de sendeirismo ‘Guitiriz en Ruta’, cunha andaina polas parroquias de Mariz e Santa Mariña.
Os asistentes percorreron un traxecto de 11 quilómetros, con visita final aos muíños da Muiñeira, en Mariz.
O programa consta dunha andaina por mes, das que cinco son polo municipio, que son gratuítas, e as outras tres noutros concellos, que teñen un custe de 5 euros para empadroados e de 10 euros para os non empadroados. A seguinte saída será a da ruta da Pedra de Díaz Castro o domingo 26 de maio.
Todas as saídas están abertas ao público xeral que teña unhas condicións físicas mínimas para poder camiñar varios quilómetros. Completan a programación: camiñando entre provincias (domingo 27 de outubro), a ruta do Río Mendo en Oza dos Ríos e Betanzos (domingo 24 de novembro) e a ruta do Río Requeixo (domingo 22 de decembro).