A Terra Chá desenvolverá a iniciativa Generacambio para a dinamización territorial

TerraChaXa
Traballarase de maneira colaborativa coas administracións públicas, entidades sociais, empresas e coa propia poboación para identificar oportunidades reais de emprego e emprendemento no territorio
generacambio-vilalba
18 Dec 2025

Cruz Vermella, en colaboración coa Fundación la Caixa, vén de poñer en marcha Generacambio, un proxecto de dinamización territorial orientado a afrontar o reto demográfico e a frear a despoboación no rural galego. A iniciativa desenvolverase na comarca da Terra Chá e nos concellos limítrofes de Outeiro de Rei e Rábade.

Durante os vindeiros anos, Generacambio traballará de maneira colaborativa coas administracións públicas, entidades sociais, empresas e coa propia poboación local para identificar oportunidades reais de emprego e emprendemento no territorio. O proxecto contempla tamén o apoio a persoas desempregadas e a novos poboadores mediante itinerarios personalizados de inserción laboral e programas formativos, que se artellarán a través dunha oficina de acollida creada especificamente para este fin.

Outro dos eixos centrais da iniciativa é o impulso e acompañamento de proxectos emprendedores innovadores, cun claro impacto social e arraigados na realidade da comunidade. Ademais, promoverase a creación da Rede Territorial de Inclusión Generacambio, coa que se pretende abordar de forma integral desafíos estruturais como o acceso á vivenda, a mobilidade ou a dixitalización.

GeneraCambio aposta pola innovación como ferramenta para atopar solucións sostibles aos retos locais e por unha visión positiva do envellecemento da poboación, transformando o que tradicionalmente se percibiu como un problema nunha oportunidade de desenvolvemento. Entre os colectivos prioritarios de inclusión destacan as mulleres e as persoas mozas.

O proxecto canalizará o seu traballo colaborativo a través de xornadas, seminarios e outras actividades participativas, co obxectivo de xerar un impacto real no territorio e contribuír á mellora da calidade de vida das persoas que o habitan.

⚙ Configurar cookies
0.077101945877075