A Terra Chá recibiu os últimos cinco anos 126.682 euros para a loita contra a violencia de xénero

TerraChaXa
Isabel Rodríguez destaca que os municipios da Terra Chá recibiron 126.682 € en cinco anos dos fondos contra a Violencia de Xénero
isabel rodriguez vilalba violencia de xenero
9 sep 2022

Ao Concello de Vilalba fóronlle transferidos neste 2022 un total de 13.542, 32 euros procedentes destes fondos, alcanzando desde o 2018 os 45.545.

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, vén de anunciar que os concellos da Terra Chá recibiron este ano 28.275, 54 euros dos fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, unha contía que nos últimos cinco anos ascende a un total de 126.682,42 euros-. Estas cifras exemplifican para a subdelegada “o compromiso do Executivo coa cooperación e a implicación interadministrativa na loita contra a violencia machista”.

Os datos foron trasladados por Isabel Rodríguez nunha reunión celebrada esta mañá en Vilalba coa alcaldesa deste municipio, Elba Valeiro, e coa xefa da unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno en Lugo, Mª Luisa Castro, que tivo a finalidade de presentar as axudas para o desenvolvemento do Pacto de Estado, así como os seus obxectivo. No encontro tamén avanzou que ao Concello de Vilalba lle foron transferidos neste 2022 un total de 13.542, 32 euros procedentes destes fondos, alcanzando desde o 2018 os 45.545 euros.

Os 9 concellos da comarca que recibiron os fondos do Pacto de Estado en materia de violencia de xénero deberán dedicar estas partidas transferidas pola Secretaría de Estado de Igualdade, á realización de actuacións e execucións de programas dirixidos á erradicación da violencia de xénero no marco das súas competencias. Así, poderán realizar campañas de sensibilización e prevención; reforzar os servizos municipais de atención e información ás vítimas de violencia contra a muller ou realizar actuacións encamiñadas á formación especializada continuada de profesionais do ámbito local en materia de igualdade entre mulleres e homes. Ademais, poderán reforzar os Corpos de Policía Local adheridos ao Sistema VioGen e os Puntos de Encontro Familiar.

Os criterios de repartición foron establecidos polo Real Decreto 1023/2020, de 17 de novembro e contemplan, por unha parte, unha cantidade fixa para cada localidade –sen ter en conta a súa poboación– e outra contía fixa en función da poboación do municipio. Amais, o remanente que existe logo de aplicar os criterios anteriores, distribúese proporcionalmente entre todos os municipios incorporados ao Sistema de Seguimento Integral nos casos de Violencia de Xénero (Sistema VioGén) do Ministerio de Interior, así como entre os concellos nos que están empadroadas vítimas usuarias do servizo telefónico de Atención e Protección para vítimas da violencia de xénero (ATENPRO) no primeiro día do mes anterior ao que se dicte a resolución anual de transferencias.

A subdelegada do Goberno quixo destacar que estas transferencias “reforzan e recoñecen o rol dos concellos na prevención e loita contra todas as formas de violencia sobre a muller, xa que os servizos municipais configuran a primeira liña de acción contra a violencia machista.”

Por outra banda, Isabel Rodríguez recordou que o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno contempla a creación de servizos de atención integral 24 horas para vítimas de violencia de xénero. Para iso, o Ministerio de Igualdade transferirá 5 millóns de euros á Xunta, destinados á construción de catro centros, un por provincia, coa previsión de que estean en funcionamento o ano que vén.

0.1200258731842