A Tradescola realizou un novo concerto didáctico en Friol

A Tradescola desprazouse ata o CPI Dr. López Suárez de Friol para ofrecer dous novos concertos didácticos dirixidos ao alumnado do centro. As sesións celebráronse ás 11.00 e ás 12.15 horas, cunha excelente acollida por parte da comunidade educativa.
Durante o concerto realizouse un percorrido pola evolución da música galega ao longo dos últimos séculos, prestando especial atención aos instrumentos e formacións que marcaron a tradición musical do país.
O alumnado puido coñecer de primeira man as características da gaita, a requinta, a zanfona, o tambor, o bombo, a pandeireta, a pandeira ou o acordeón, entre outros, combinando as explicacións coa interpretación en directo de pezas do repertorio tradicional galego.
A actividade foi impartida polos mestres da Tradescola Roberto Rodríguez, Bruno Villamor, Alberte Núñez e Germán Díaz, e contou coa colaboración da área de Cultura da Deputación de Lugo, reforzando o compromiso coa difusión e posta en valor da música tradicional galega entre as novas xeracións.