A tradicional cabalgata de Vilaronte volve este ano con modificacións

TerraChaXa | AMariñaXa
4 Xan 2021

Malia a situación sanitaria este ano volverá saír a tradicional cabalgata de Vilaronte, en Foz, organizada pola asociación cultural e recreativa O Castro. Na que é a súa edición 58, o percorrido das súas Maxestades pola parroquia focense será este ano un pouco especial.

A cabalgata, que se fará nunha gran carroza, sairá ás 16.30 horas do atrio da igrexa trala visita ao belén, percorrendo a escola de Vilaronte, o parque de Mañente, Invernaderos, Talleres de Damián, o campo da feira, A Rúa, polo cruce Casa Salomé e Fonte de Nogueirido para regresar ao lugar de inicio.

Os reis entregarán os agasallos nas paradas citadas ou mesmo nos domicilios por onde pasa a cabalgata, algo que haberá que concretar previamente chamando aos teléfonos 649 229 888 ou 636 664 210.

Pero esta cabalgata non contará coa liberdade doutros anos xa que por exemplo viaxarán sen paxes e gardarán a distancia de seguridade ademais de levar máscara. Ademais, só un rei, por turnos, será o encargado da entrega, para evitar o contacto.

0.2440299987793