A tropa trapalleira reflexiona sobre as consecuencias da guerra en Guitiriz
A Tropa Trapalleira, Rosiña, Laranxiño e Mariña, presentan “Pequena trapallada e algunha que outra batalla”, un espectáculo para nenos e nenas de 6 a 99 anos, 100% dinámico e colorista que nos fai reflexionar sobre o absurdo da guerra e as súas consecuencias.
A través do traballo corporal dos actores que bebe da farsa e da Commedia dell' arte e apoiándose na música e na videocreación, constrúen un universo de diversión no que se poñen en valor cousas tan importantes como a amizade, o respeto, o compañeirismo e o amor. Un catálogo de trapalladas bélicas que, a través do humor, pretende invocar á tolerancia e á solución pacífica dos conflitos como bálsamo necesario nestes inquedantes tempos armados.
O espectáculo teatral terá lugar o sábado 21 de outubro na Casa Habanera a partir das cinco e media da tarde con entrada gratuíta.