A UDC deseña co apoio da Deputación un prototipo dotacional para persoas maiores

TerraChaXa
O Presidente participou na presentación dos resultados do convenio de colaboración entre a institución provincial e a Universidade da Coruña.
presentacion resultados estudo maiores xermade roupar
5 Xan 2022

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, xunto ao Alcalde de Xermade, Roberto García pernas, a vicerreitora de Infraestruturas e Sustentabilidade da Universidade da Coruña (UDC), Amparo Casares Gallego, e o director da Escola de Arquitectura da UDC, e Plácido Lizancos, participou este martes na Casa Habanera de Roupar, en Xermade, na presentación dos resultados dun convenio de colaboración a través do que a institución provincial achegou 35.000€ á UDC para desenvolver un traballo de estudo e deseño dun prototipo de equipamento dotacional para persoas maiores no rural galego.

No acto tamén estiveron presentes Luz Paz Agras, doutora arquitecta e investigadora principal do traballo, e Fernando Agrasar Quiroga, doutor e director do Grupo de Investigación en Composición Arquitectónica da UDC.

A iniciativa, que se artellou en torno ás edificacións da Casa Reitoral e da Casa Habanera de Roupar e que contou coa estreita colaboración da Asociación de Veciños deste núcleo e do Concello, ten carácter experimental e define un modelo de vivendas comunitarias con servizos asistenciais, actividade sociocultural e recursos que é replicable a outros lugares da provincia e de Galicia.

O equipamento deseñado, que recibe a denonimación de Casa da Veciñanza, busca o envellecemento activo e favorecer que as persoas maiores se poidan quedar a vivir na súa localidade ou zona de residencia contando cos recursos axeitados para poder facelo, o que axuda a fixar poboación.

O presidente enmarcou o convenio coa UDC para elaborar este traballo de estudo e deseño de novos modelos de equipamentos dotacionais para persoas maiores na aposta da Deputación “pola colaboración coa Universidade pública para apoiar a investigación e a innovación, e transferir eses coñecementos á sociedade e ao tecido produtivo para impulsar o seu desenvolvemento e progreso”. “Penso que as administracións acertamos cando nos achegamos á Universidade buscando aplicacións prácticas para a investigación ou estudos especializados sobre calquera cuestión. Así o fixemos neste caso dende a Deputación, apoiando un proxecto para elaborar un prototipo de equipamento para as persoas maiores en Roupar”, asegurou José Tomé.

O mandatario provincial agradeceu “o gran traballo” a todo o equipo universitario que participou nesta iniciativa, un labor “que supera os límites do que é unha proposta arquitectónica, e que se amplía ata configurar unha reflexión sobre a realidade sociolóxica do noso rural e dos nosos maiores”.

O presidente puxo en valor a colaboración da Asociación de Veciños de Roupar e do Concello de Xermade para elaborar o estudo, asegurando que este é “un bo exemplo dos beneficios que ten para a sociedade a colaboración entre o movemento asociativo, a Universidade pública e as institucións”.

Así mesmo, José Tomé explicou que as políticas sociais son unha prioridade para a Deputación de Lugo. De feito, lembrou, o Goberno provincial dedícalle a este eido máis dun terzo do total dos Orzamentos da institución, que conta cun amplo sistema de protección social do que forman parte unha rede propia de centros públicos de atención a persoas maiores; a colaboración económica cos concellos da provincia para que poidan prestar o Servizo de Axuda no Fogar e o servizo de teleasistencia domiciliaria as 24 horas do día totalmente gratuíto para os usuarios e usuarias.

Neste sentido, explicou o presidente, o modelo proposto no estudo académico da Universidade da Coruña é distinto do que ten implantado a Deputación nos seus centros de atención a maiores, pero, en todo caso, “as conclusións e as reflexións metodolóxicas” que se inclúen no traballo “servirán, sen dúbida algunha, de gran axuda de cara ao futuro, á hora de seguir deseñando equipamentos públicos que de verdade respondan ás necesidades reais dos nosos maiores e do noso rural”.

Un modelo extrapolable

O traballo elaborado pola UDC en Roupar co apoio da Deputación de Lugo define un modelo de equipamento que se pode extrapolar a outras zonas da provincia de Lugo e de Galicia, sentando as bases para a definición dun prototipo.

A proposta recolle unha aproximación multidisciplinar que implica o campo arquitectónico, económico e xerontolóxico.  A nivel urbanístico e arquitectónico pártese da análise do núcleo de Roupar para entender a maneira de vivir, á vez que se repara nos elementos patrimoniais e ambientais do lugar. Neste caso, a participación da veciñanza foi vital e de moita utilidade.

Sitúase no ámbito de maior concentración de actividade de Roupar, ao redor da Escola Habanera, a Igrexa e Casa Reitoral, para aproveitar as inercias existentes e sumar novos espazos que dean solución ás necesidades plantexadas. Proponse a consolidación da Escola Habanera como espazo sociocultural, xa existente e en uso pola Asociación de Veciños. Suma, así mesmo, a posibilidade de uso complementario dos seus espazos para o novo equipamento.

Plantéxase a rehabilitación e ampliación da Casa Reitoral para a creación dun equipamento asistencial e un conxunto de vivendas comunitarias, e o acondicionamento de todo o entorno para un mellor aproveitamento, dándolle moita importancia aos espazos exteriores onde a veciñanza adoita sentar a conversar e pasar o seu tempo de lecer.

0.22141599655151