A UNED imparte unha charla sobre alfabetización climática no cárcere de Bonxe
O pasado venres 15 de marzo, a UNED de Lugo levou a cabo unha iniciativa no Centro Penal de Bonxe para impartir unha charla sobre Alfabetización Climática. Esta actividade, enmarcada dentro do programa UNEDFutura e dentro do seu proxecto #LugoNaturalMente, centrouse en áreas clave como a acción climática, a Axenda 2030 e a preservación do patrimonio natural.
O propósito desta actividade é responder á necesidade de contribuír ao proceso de reinserción das persoas recluídas no centro penal. Segundo explicou Vitoria Filgueiras, estudante do Grao en Educación Social, nunha entrevista coa cadea SER de Lugo, é fundamental proporcionar actividades que fomenten a educación entre os internos e internas. Este proceso de socialización axuda a mitigar os efectos asociados coa reclusión, como a ansiedade, a perda de autoestima e a falta de habilidades sociais.
A charla foi dirixida por Ana Traseira, directora da universidade, e Paula Moure, bióloga especializada en conservación, quen abordaron a crise climática desde unha perspectiva social, discutindo as súas causas e consecuencias principais. Ao termo da conferencia, os 30 participantes, tanto homes como mulleres, mostraron un gran interese ao realizar preguntas e resolver dúbidas.
Esta actividade forma parte dunha serie de conferencias organizadas pola UNED en toda a provincia de Lugo. Desta maneira, o obxectivo de promover a conciencia ambiental esténdese a todos os sectores da sociedade, desde os centros educativos, distintas asociacións até o Centro Penal de Bonxe.