A UNED Sénior Coruña retoma o curso cun encontro cultural en Paderne

A UNED Sénior Coruña deu comezo ao novo curso cun encontro cultural celebrado no concello de Paderne, no que participaron arredor dun cento de persoas maiores. A xornada contou coa presenza do alcalde de Paderne, Sergio Platas, e da concelleira de Servizos Sociais, María Luisa Abrodos, que acompañaron ao alumnado nunha actividade pensada para retomar a programación tras o parón das vacacións de Nadal, entre o que se atopan veciños de Momán e de Guitiriz.
O encontro combinou contidos culturais e espazos de convivencia, cun programa no que non faltou a música en directo, os cantos populares e a entrega dos diplomas correspondentes ao curso anterior ás persoas que non puideran recollelos previamente na sede da UNED na Coruña. O acto estivo coordinado polo responsable da UNED Sénior Coruña, Luis Ángel Rodríguez Patiño, mentres que a entrega dos recoñecementos foi realizada polo alcalde e pola concelleira de Servizos Sociais.
Unha vez finalizado o acto institucional, as persoas asistentes participaron nun xantar de confraternidade que serviu para reforzar os lazos entre o alumnado. A xornada pechouse cunha serie de actuacións musicais a cargo de grupos de gaitas, acordeóns e outros instrumentos tradicionais, baixo a dirección do titor de música da UNED Sénior Coruña, Francisco Cupeiro, director tamén de diversas escolas de música, que puxo o broche final a unha xornada marcada pola convivencia e a participación cultural.