A UNED Sénior de Xermade e Guitiriz realiza este mes de decembro varias actividades musicais e colaboracións

TerraChaXa
Comezarán o 16 de decembro pola mañá visitando o Centro de Día de Baamonde
UNED-SENIOR-FESTA-DA-TORTA-DE-MILLO-GUITIRIZ
16 Dec 2024

A UNED Sénior da Coruña, con sede en Xermade e Guitiriz, organiza durante o mes de decembro unha serie de actuacións e colaboracións en diferentes localidades, combinando temas musicais traballados nas aulas coas tradicionais panxoliñas galegas. Estas actividades, ademais de celebrar o Nadal, buscan fomentar a interacción cultural e ofrecer momentos de lecer e terapia aos participantes.

Comezarán o 16 de decembro pola mañá. O grupo da UNED Sénior da Coruña/Momán visitará o Centro de Día de Baamonde, en horario de 12:00 horas, para ofrecer unha exhibición de temas musicais traballados nas clases deste ano, mesturados con panxoliñas galegas tradicionais. Ademais, esta colaboración inclúe actividades terapéuticas, pois os usuarios do centro xa traballaron previamente coas letras das cancións.

Pola tarde actuarán Centro de Día de Cospeito, en horario de 16:00 horas, cunha exhibición similar á de Baamonde. A actividade combinará a música traballada durante o curso coas panxoliñas tradicionais e terá unha vertente terapéutica para os usuarios do centro.

Ao día seguinte participarán no Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia, en Momán. Durante o evento, interpretará o Himno Galego para o acto de descubrimento dunha placa no cemiterio. Posteriormente, tocarán o tema Antigo Reino de Galicia para acompañar o público ata outro local, rematando cunha actuación de temas populares galegos.

O día 18 está prevista a actuación na sede da UNED Sénior da Coruña, durante o acto de entrega de diplomas ao alumnado, interpretarase o Gaudeamus Igitur. Ademais, incluirase unha panxoliña e outros temas populares galegos como parte da celebración.

O día 27 de decembro A UNED Sénior da Coruña/Paderne colaborará coa Asociación de Veciños de Ambroa na súa tradicional xuntanza de Nadal. O evento contará cun concerto que incluirá temas traballados durante o curso.

Estas actuacións, realizadas ao finalizar cada trimestre, teñen un carácter especial e festivo, coincidindo coas celebracións de Nadal, Semana Santa e o final de curso. A UNED Sénior reforza así o seu compromiso coa comunidade, combinando a aprendizaxe musical co apoio social e cultural.

0.29115915298462