A Universidade Sénior da UDC comeza nas Pontes unha nova tempada

O luns 9 de marzo, ás 17:00 horas, terá lugar na Casa Dopeso das Pontes a inauguración da 8ª edición do Programa de Democratización do Coñecemento da Universidade Sénior da Universidade da Coruña, dirixido a persoas maiores de 50 anos. Nesta nova edición, máis de 80 participantes toman parte nesta iniciativa educativa.
A Universidade Sénior, o Programa Universitario para Maiores de 50 anos da Universidade da Coruña, pon así en marcha unha nova edición deste programa de formación universitaria específico, que conta co financiamento da Xunta de Galicia e coa colaboración do Concello das Pontes. As sesións desenvolveranse durante os meses de marzo e abril na Casa Dopeso, e contan cun total de 86 persoas inscritas.
O programa estrutúrase en tres módulos, compostos por sesións teóricas impartidas por profesorado da Universidade da Coruña. As actividades celebraranse dous días á semana, en horario de 17:00 a 19:00 horas, e abordarán unha ampla variedade de temáticas de interese social, cultural, científico e sanitario.
Ao acto de inauguración asistirán a subdirectora da Universidade Sénior, Elena Arce Fariña e a concelleira de Benestar Social, Igualdade, Educación e Contratación, Tania Pardo Cabarcos.
Con este programa, a Universidade Sénior reafirma o seu compromiso de achegar a formación universitaria ás persoas maiores de 50 anos de As Pontes, dando continuidade a unha liña de traballo orientada a responder ás súas inquedanzas e necesidades formativas desde a posta en marcha desta iniciativa no ano 2018.