A USC investiga o impacto da COVID-19 no Camiño de Santiago
A Cátedra do Camiño de Santiago e das Peregrinacións afondará no impacto que a pandemia da covid-19 está a orixinar na ruta xacobea. A Universidade acaba de impulsar, ao abeiro da II Convocatoria de Proxectos de Investigación asociados ás Cátedras Institucionais da USC, dous proxectos de investigación que se centrarán no influxo que a crise sanitaria está a ter na capacidade de carga turística do Camiño Francés, por unha banda, así como no perfil do peregrino, pola outra. No marco desta convocatoria, tamén se creará a base de datos de recursos académicos, científicos e didácticos ‘Rede Xacobea’.
Roberto Bande Ramudo do grupo de Análise e Modelización Económica da USC lidera o proxecto titulado ‘O impacto da crise sanitaria da covid-19 sobre a capacidade de carga turística do Camiño Francés’. As restricións que a chamada ‘Nova Normalidade’ impoñen sobre o distanciamento social e a capacidade nos diferentes establecementos de hostalería son susceptibles de xerar un impacto adicional importante na capacidade de acollida dos visitantes do Camiño. “Esta investigación propón cuantificar o efecto destas restricións sobre a capacidade de carga do Camiño Francés”, explica o investigador.
O traballo titulado ‘O impacto da covid-19 no perfil do peregrino’ liderado por Dolores Riveiro García estudará o perfil dos que actualmente realizan o Camiño, mediante técnicas de clustering e a partir de datos obtidos nunha enquisa de motivacións, valoración e satisfacción que se realizará aos peregrinos. “A comparación dos resultados cos obtidos nun traballo anterior do noso grupo, no que se detectaron seis perfiles de peregrinos, permitiranos identificar os factores de maior impacto nos cambios observados nas actuais peregrinacións e realizar previsións de evolución futura”, explica a profesora da USC, Dolores Riveiro García. “Todo iso contribuirá a entender mellor as fortalezas do camiño, así como as dificultades e limitacións que presenta ante a actual situación, o cal permitirá preparar mellor o Camiño do próximo Ano Santo”, engade.
‘Rede Xacobea’
O proxecto de Paula Pita Galán propón o deseño, elaboración e publicación dunha Base de datos de Recursos Académicos, Científicos e Didácticos do Camiño de Santiago, que terá por nome ‘Rede Xacobea’. Esta base concíbese como unha ferramenta de investigación e ofrecerá unha relación actualizada dos investigadores vivos, institucións dedicadas ao estudo do mundo xacobeo, actividades académicas e revistas de temática xacobea ou sobre as peregrinacións.
“A finalidade desta base de datos é fomentar o contacto, traballo e adquisición de recursos científicos e didácticos para investigadores, centros de investigación e revistas de temática xacobea co propósito de facilitar a comunicación entre os axentes que de maneira independente están a desenvolver estudos xacobeos”, explica no seu proxecto
Pita Galán.
Cada un dos proxectos recibirá un financiamento de 2.000 euros e deberá executarse entre o 1 de setembro e o 30 de novembro de 2020.
A Cátedra Institucional do Camiño de Santiago e das Peregrinacións da Universidade de Santiago de Compostela foi creada no Consello de Goberno do 29 de xullo de 2016 grazas a un convenio de colaboración firmado entre a USC, a Axencia de Turismo de Galicia-Xacobeo 2021 e a Catedral de Santiago para fomentar no ámbito académico o estudo do Camiño de Santiago.