A USC promove un encontro coa fotógrafa pontesa Lúa Ribeira na Casa do Saber de Lugo

LugoXa | TerraChaXa
Nacida en As Pontes en 1986, Lúa Ribeira centra o seu traballo na análise da dinámica da opresión e dos mecanismos de exclusión promovidos pola cultura dominante
lua-ribeira-fotografía
11 Dec 2025

Este sábado, 13 de decembro, terá lugar na Casa do Saber do campus de Lugo unha actividade titulada 'Subida ao ceo' coa fotógrafa Lúa Ribeira, un encontro que se enmarca na programación do Outono Cultural.

Nacida nas Pontes en 1986, Lúa Ribeira centra o seu traballo na análise da dinámica da opresión e dos mecanismos de exclusión promovidos pola cultura dominante. A súa práctica artística distingue-se polo carácter colaborativo, a investigación exhaustiva e un enfoque inmersivo que cuestiona as separacións estruturais entre persoas e comunidades. A fotógrafa utiliza a súa obra como medio para crear encontros que favorezan a relación e a reflexión colectiva.

Ribeira conta con varios recoñecementos, entre os que se inclúen a Beca Firecracker para Mulleres en Fotografía e o Premio Jerwood/Photoworks, ademais de varias nominacións como os Premios Foam Paul Huf e o Pictet 2019. A súa obra foi recollida en publicacións como Firecrackers: Female Photographers Now (Thames & Hudson, 2017) e Women looking at Women (2016) de la Vie w, e exposta internacionalmente na Bienal de Fotografía de Beijing, en Tabacalera (Madrid), na Fundación Luis Seoane (A Coruña) e no Centro Internacional de Fotografía de Nova York.

En 2023 viu a luz a súa primeira monografía, publicada por Dalpine baixo o título Subida al cielo, que recompila cinco series realizadas entre 2016 e 2020. Estas obras abordan temas vinculados á fotografía documental e á representación, centradas en grupos institucionalmente construídos ou mantidos. Entre elas destaca Os afortunados, realizada en Melilla xunto a un grupo de mozos e mozas na súa viaxe desde Marrocos cara a Europa, e Aristócratas, desenvolvida en Galicia en colaboración cunha institución relixiosa que atende unha comunidade de mulleres con discapacidade cognitiva.

Ribeira uniuse a Magnum Photos como nomeada en 2018, converténdose en membro asociado en 2020 e membro de pleno dereito en 2023.

⚙ Configurar cookies
0.083294868469238