A USC recoñece os 40 anos de traxectoria da Moexmu a prol do desenvolvemento rural
O Premio Aresa de Desenvolvemento Rural recoñece o traballo a prol do desenvolvemento do medio rural pola Moexmu, tal e como se coñece a Mostra Exposición Muimenta, unha iniciativa impulsada a mediados da década dos anos 80 do pasado século XX pola veciñanza desta localidade do concello de Cospeito. Trátase dun evento consolidado neste tempo como escaparate do sector agrogandeiro da comarca da Terra Chá e, por extensión, nun certame de referencia da provincia de Lugo e de Galicia.
O reitor da USC, Antonio López, puxo en valor o traballo feito polas distintas comisións organizadoras que cada ano traballan a reo para encher de vida o recinto Manuel Vila de Muimenta, ao transformalo por uns días en escaparate tecnolóxico con apeiros e maquinaria agroforestal de última xeración, ademais de en escenario dun concurso de gando de alto nivel, o único certame de gando frisón que se segue a celebrar na provincia de Lugo.
Daquela, o cometido da Moexmu para a profesionalización do sector gandeiro, a remuda xeracional no agro, o desenvolvemento do rural e a posta en valor da gastronomía local, a través da celebración da Festa da Filloa, foron outros dos méritos valorados polo xurado para a concesión deste galardón.
Do 5 ao 7 de abril
A cerimonia de entrega da vixésimo cuarta edición do Premio Aresa, dotado dunha gratificación en metálico de 10.000 euro, ademais de placa conmemorativa para a candidatura distinguida, tributou unha homenaxe anticipada á Moexmu, a feira das feiras da Terra Chá, que cumprirá as súas primeiras 40 primaveras do 5 ao 7 de abril en Muimenta, cuxa veciñanza completa e complementa cada edición da súa mostra exposición coa Festa da Filloa, unha cita máis saborosa que volve cita a comezos de maio numeroso público nesta localidade chairega.
O xerente da Moexmu, José Manuel Rus, recolleu de mans do conselleiro de Medio Rural o XXIV Premio Aresa, “un galardón moi gratificante para min e para todo o equipo”, dixo. De seguido, Rus dirixiuse ao poboado auditorio de Veterinaria para lembrar algúns dos obxectivos principais da Moexmu, tales como son “potenciar o sector primario a través sobre todo do concurso, da exposición, da poxa e tamén da artesanía, co exemplo dos zoqueiros; loitar contra o despoboamento, gran problema do rural a día de hoxe, e recoñecer tamén o espírito emprendedor da veciñanza de Muimenta”.