A Valedora do Pobo admite a trámite a queixa do PP ante o alcalde de Pol por poñer trabas para acceder a expedientes

Pol
LugoXa | TerraChaXa
Nicole Grueira solicitou amparo ante “todos os impedimentos” postos por Lino Rodríguez Ónega para evitar que “realicemos o noso traballo de fiscalización e control”
nicole-grueira
26 Feb 2026

Os concelleiros do Grupo Municipal Popular de Pol veñen de ter confirmación de que a Valedora do Pobo admitiu a trámite a queixa presentada en outubro de 2025 “ante as reiteradas trabas” impostas por Lino Rodríguez para acceder a “expedientes concretos” do funcionamento diario do Concello, como por exemplo aqueles relacionados co autobús municipal.

A voceira popular, Nicole Grueira, explica que na súa comunicación a Valedora do Pobo sinala que “unha vez estudado o seu escrito comunicámoslle a súa admisión a trámite, ao entender que reúne os requisitos formais recollidos no artigo 18 da Lei da Valedora do Pobo, e que atopa, en principio, cobertura constitucional derivada dos artigos 20.1.d) e 23 da Constitución”.

Deste xeito, a Valedora do Pobo inicia “as actuacións oportunas ante o Concello de Pol. En concreto, requirimos desa administración que no prazo de 15 días, de acordo co previsto no artigo 22.1 da Lei da Valedora do Pobo, nos facilite información sobre o obxecto da súa queixa”.

Nicole Grueira agarda que “agora si, Lino Rodríguez facilite toda a documentación requirida pola Valedora do Pobo e deixe de manexar o Concello fóra da legalidade xa que como concelleiros temos dereito a acceder e consultar todos os expedientes e documentación relacionados coa xestión diaria municipal”.

A voceira popular recorda que “hai expedientes aos que se pediu acceso en varias ocasións, pero a realidade é que seguimos sen poder acceder á información solicitada, pese a que a lexislación vixente establece un prazo de cinco días para dar acceso aos expedientes e á documentación solicitada”.

0.11126494407654