A Valedora do Pobo intervirá na polémica sobre a unificación dos colexios de Begonte
A Valadora do Pobo iniciou actuacións contra o Concello de Begonte e a Concellería de Educación con relación ao proxecto de unificación dos colexios de Begonte e Baamonde para utilizar as instalacións deste último como conservatorio de música a nivel comarcal.
Os pais e a asociación de veciños, que veñen convocando e relizando manifestacións dende que se presentou o proxecto e ata que a covid impediunas, foron os que elevaron un escrito a este organismo.
Os denunciantes aseguran por unha parte que "non houbo audiencia nin consultas de ningún tipo, senón que tal decisión adoptouse unilateralmente e xustificouse coa instalación dunha escola privada de música nas instalacións do Ceip de Baamonde, malia atoparnos inmersos na pandemia por mor do coronavirus. Tal decisión asemella proceder do propio Concello de Begonte, pois a información facilitada pola Consellería de Educación ao ser interpelada en varias ocasións polo posible peche do Ceip de Baamonde foi contraditoria, malia as aseveracións de que estaría xa todo decidido".
Defenden tamén "o papel que a escola pública ten no rural, como ferramenta para combater o progresivo abandono das vilas e aldeas galegas, o envellecemento da poboación e para evitar a extinción dun modo de vida que é un dos trazos distintivos de boa parte da sociedade galega".
"Poñemos en relevancia que a escola de música xa tiña unhas instalación perfectamente dimensionadas coa nosa pequena poboación, que está moi satisfeita do traballo que se está a desenvolver pola escola de música. Non entendemos por que o concello de Begonte precisa un conservatorio cando non hai sequera un alumnado que xustifique tal investimento público, isto aínda que se collese alumnado de outros concellos, tales como Outeiro de Rei, ao quedar mais preto Lugo, e cando non se facilitou información ningunha sobre as xestións para levar a efecto tal conservatorio, nin os datos sobre os que se sustenta tal pretendido investimento", engaden.
PARLAMENTO
Por outra banda, no Parlamento de Galicia nunha pregunta do deputado Luis Álvarez sobre o peche do colexio de Baamonde, Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, Educación e Universidade responde que non hai compromiso co Concello de Begonte. "Non pasa de conversas informais", di. Tamén recalca que no caso de facerse o conservatorio "impulsará e desenvolverá" o propio concello baixo o seu orzamento. Remata con que "hai que evaluar e estudar" o peche do colexio de #Baamonde e que "non se perde ningún servizo educativo".