A Valedora do Pobo visitou o Concello de Friol
O Concello de Friol recibiu a visita da Valedora do Pobo de Galicia este venres. Reuniuse co alcalde Jose Ángel Santos para falar das necesidades do medio rural e para intercambiar opinións de diferentes cuestións relacionadas con ambas institucións.
María Dolores Fernández trasladoulle ao alcalde de Friol que non recibiron ningunha queixa dende este concello, feito que resalta como positivo.
A Valedora do Pobo é unha das institucións básicas e máis emblemáticas de cantas recolle o Estatuto de Autonomía de Galicia. No contexto de unha Comunidade Autónoma nacente, o lexislador quixo crear un mecanismo de control (figura estatutariamente relevante) dos dereitos da cidadanía galega e de supervisión dos defectos máis comúns da administración autonómica.
O alcalde José Á. Santos indica que “quero agradecer a Dolores Fernández, Valedora do Pobo de Galicia, que quixera interesarse por Friol e que nos visitara aquí para ver as necesidades que poidamos ter, e trasladarllas así de forma directa”.