A vandalización do busto de Fraga en Vilalba foi obra dun grupo independentista vasco

A organización xuvenil vasca Gazte Koordinadora Sozialista (GKS) reivindicou a vandalización do busto de Manuel Fraga situado en Vilalba, acción que enmarca na conmemoración do 50 aniversario dos sucesos de Vitoria-Gasteiz, coñecidos como a matanza do 3 de marzo de 1976. O colectivo sinala ao que foi ministro de Gobernación durante a ditadura franquista como “un dos principais responsables” da morte de cinco traballadores a mans da Policía Armada.
Un día despois de terse coñecido a aparición do busto vandalizado na vila natal do expresidente da Xunta, GKS difundiu nas súas redes sociais un vídeo no que amosa como varios dos seus membros se desprazaron desde Euskadi ata Galicia para cubrir o monumento con pintura vermella. Na publicación, o grupo fai referencia directa aos feitos ocorridos o 3 de marzo de 1976 e afirma que a loita iniciada daquela “non cesou”.
Naqueles sucesos, producidos tras varias xornadas de folga xeral en Vitoria-Gasteiz, cinco traballadores perderon a vida durante o desaloxo da igrexa de San Francisco de Asís. Naquel momento, Manuel Fraga ocupaba a carteira de Gobernación no Goberno presidido por Carlos Arias Navarro.
A acción vandálica produciuse, ademais, na mesma semana na que distintas formacións políticas rexistraron no Senado unha solicitude para a retirada do busto de Fraga, argumentando, entre outras cuestións, a necesidade de non normalizar símbolos vinculados á impunidade polos feitos do pasado.
Pola súa banda, o Partido Popular de Galicia (PPdeG) condenou tanto os feitos como as declaracións realizadas por GKS, e reclamou ao BNG e ao PSdeG que se sumen á súa reprobación, aos que acusa de seren cómplices deste tipo de actuacións. Nun comunicado, os populares reiteraron o seu orgullo polo legado de Manuel Fraga en Galicia e pediron respecto pola súa figura. Pola mañá, o presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, xa cualificara o ocorrido como un “ataque sangrante”.
DELEGADO DO GOBERNO
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, confirmou que as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado están a traballar para identificar ás persoas responsables do acto vandálico. Pedro Blanco realizou estas declaracións a preguntas dos medios de comunicación durante a súa visita ás obras da praia de Razo, no concello de Carballo, onde condenou con firmeza o sucedido.
O delegado cualificou o ataque como un acto vandal que “non achega absolutamente nada” e subliñou a necesidade de preservar o respecto polos espazos e símbolos públicos, ao tempo que se depuran responsabilidades polos feitos acontecidos.
CONDENA EXPRESA AO ATAQUE
O PPdeG presentou unha proposta de declaración institucional para a súa lectura no Pleno do Parlamento de Galicia desta semana, coa que solicita ao conxunto das forzas políticas unha condena expresa do ataque vandálico cometido a pasada semana contra o busto de Manuel Fraga en Vilalba. A iniciativa foi remitida previamente ao resto dos grupos parlamentarios coa intención de acadar unha postura común en defensa da convivencia democrática.
Xunto á proposta, o PPdeG difundiu un audio da súa secretaria xeral, Paula Prado, no que condena con firmeza os feitos e rexeita calquera forma de violencia ou radicalismo. Prado subliñou que a sociedade galega non quere crispación nin confrontación e que este tipo de actos supoñen un ataque directo á convivencia, á tranquilidade e á Galicia “serena” que, segundo indicou, representa á maioría da cidadanía.
A secretaria xeral dos populares galegos afirmou que estes comportamentos non teñen cabida nunha democracia e reclamou unha condena rotunda dos actos vandálicos atribuídos a un grupo radical independentista vasco. Nese sentido, esixiu ao BNG e ao PSOE que se posicionen con claridade fronte ao ataque, lembrando que Manuel Fraga foi presidente da Xunta durante máis de quince anos, unha figura institucional en Galicia e un dos pais da Constitución, cun papel relevante na historia democrática do país.
Paula Prado advertiu ademais de que a ausencia dunha condena clara convertería aos grupos da oposición en cómplices destes feitos e lembrou precedentes recentes nos que, segundo indicou, o BNG rexeitou condenar actos vandálicos contra sedes do PPdeG, votando en contra de iniciativas similares presentadas polos populares.